O Pontevedra Club de Fútbol anunciou oficialmente que Carlos Riveiro "Pacheco" e Javi Pazos non continuarán no club a próxima tempada, confirmando no segundo caso a noticia adiantada por PontevedraViva.
No caso de Pacheco o motivo do desencontro non se centra no aspecto económico, a pesar de que a oferta presentada non satisfacía as súas aspiracións, senón no feito de que a proposta que Milo Abelleira trasladou ao lateral consistía en continuar con ficha do equipo filial, algo ao que o futbolista se negou.
O defensa estudará agora as ofertas que asegura ten xa enriba da mesa doutros conxuntos de Terceira División, entre elas a do Choco, aínda que non descarta mesmo saír de Galicia se chega unha opción de Segunda B.
Pola súa banda a prioridade para Javi Pazos é rematar a súa formación nun filial dun equipo de Primeira División. Neste aspecto unha das opcións do dianteiro poderían pasar polo Betis B adestrado polo ex granate Guillermo Fernández Romo.