Foi uns dos Capitáns, con maiúsculas, da historia recente do Pontevedra Club de Fútbol, pero Pablo Vázquez Fontaiña (1971) é moito máis que iso, é a última físgoa dunha maneira romántica de entender o deporte. Así o demostra que ao longo da súa traxectoria, desde categorías inferiores, só vestise a camiseta granate. Hai xa 18 anos da súa retirada, pero segue sendo o último 'One Club Man' que puideron gozar os seguidores en Pasarón.
Ese termo anglosaxón popularizouse nos últimos anos polo estraño de atopar casos de tanta fidelidade no fútbol de categorías profesionais, e é unha etiqueta que encaixa á perfección con Vázquez, lateral dereito que defendeu o escudo do equipo da súa cidade durante 12 tempadas, desde a 90-91 ata a 2001-2002, cando unha grave lesión de xeonllo obrigoulle a deixalo.
- Sabías que desde a túa retirada, ninguén máis pode considerarse como 'One Club Man' no Pontevedra?
A verdade é que nin mo plantexara. O meu ademais non foi só a etapa profesional. Empecei con 12 anos, que antes era cando se empezaba a xogar ao fútbol, entrei no infantil e pasei por todos os equipos que había por aquel entón na base ata chegar ao primeiro equipo, e aí deixeino. Non pensaba que non houbese ninguén máis desde entón.
- Sen dúbida o equipo da túa vida
Eu é que ademais empecei a ir ao fútbol practicamente desde recentemente nado porque os meus pais eran afeccionados, eran socios, e recordo ir á bancada de Pasarón desde moi pequeniño. Entón chegar ao equipo da túa cidade, o teu equipo de toda a vida... polo menos as miñas aspiracións colmounas por completo. Ese punto emocional é un estímulo para estar máis orgulloso.
- Pero non foi un camiño de rosas, porque os inicios foron complicados, equivócome?
A ver eu é que tiven unha traxectoria estraña porque exploto o terceiro ano de xuvenil. Foi un salto moi rápido. Despois hai outra circunstancia, que con 18-19 anos vou estudar a Santiago, e o club decide cederme a un Terceira, aí tería cambiado de equipo, pero empecei co filial e chegou un traspaso, creo que era de Mauricio, que deixou a defensa un pouco colla polo que me ofreceron vir de Santiago dous días a adestrar e empezar cun contrato do primeiro equipo e xogar no filial.
- E unha lesión case cho impide
Si, a primeira semana que empecei a adestrar con eles rompinme o nocello xogando co filial, unha rotura ademais con luxación, unha lesión grave, pero recuperei e xa debutei e empecei a dinámica do primeiro equipo.
- Custa dar o salto ao primeiro equipo?
Si que custa. Eu creo que ser o equipo da túa cidade por unha banda si que me sinto moi valorado, pero ao principio é complicado porque ti mesmo métesche moita presión, están os teus amigos na bancada, está a túa familia. Sentes máis as cousas.
- E aquela bancada de Preferencia era esixente ademais.
Era dura, si, pero teño que dicir que os dous primeiros anos impoñíame, pero a partir de aí Preferencia era a miña bancada preferida, e xogaba mellor cando xogaba polo lado de Preferencia que cando o facía por Tribuna. É unha bancada que era esixente pero tamén era a que empuxaba.
- Tiveches ofertas ou opcións para cambiar de equipo? Cunha traxectoria así na Segunda B seguro que algunha proposta chegaría.
Houbo momentos que estiven preto, opcións de categorías superiores. Unha vez que saín en xuño das negociacións, con 24 ou 25 anos, e digamos que estaba fóra do club, e foi saír e ao chegar a casa pegoume un baixón que por sorte ao final retomáronse en agosto as negociacións. Estiven ata agosto sen asinar. Adestraba pola miña conta con Milucho, que estaba no Gran Peña, para non perder a forma, pero non asinara en ningún lado porque non quería irme de aquí. Non se me pasou pola cabeza nunca máis.
- Despois chega a capitanía, un motivo máis de orgullo.
Fun moi novo si. No Pontevedra daquela, bueno agora creo que pasa un pouco igual, cada ano había moitos cambios de xogadores, quedaban moi poucos sempre e cando levabas tres ou catro anos xa eras o máis veterano. Ao principio empecei a selo con Gustavo Blanco, nos seus últimos anos, pero como xa xogaba menos practicamente era o capitán, e despois de primeiro capitán con 25 ou 26 anos.
(Fase de ascenso 94-95) "É quizais dos momentos que máis me quedaron gravados, como pena, porque o tivemos moi preto e non nos demos conta"
- Foron en toda a túa carreira 288 partidos oficiais coa granate, 6 deles naquel play-off de ascenso a Segunda (94-95) no que se gañades en Soria na última xornada teríades subido. É a túa principal espiña?
É quizais dos momentos que máis me quedaron gravados, como pena, porque o tivemos moi preto e non nos demos conta. Foi algo estraño, porque o último partido tiñamos aínda opcións, aínda que fosen remotas, pero ata os xogadores crían máis que a directiva ou o adestrador. Pero non houbo esa sensación de que te xogabas todo no último partido, parecía que era imposible. Ao vestiario chegaba que non interesaba moito o ascenso, interesaba máis facer un equipo forte o seguinte ano e tentalo.
- E a principal alegría? Quizais a salvación na última xornada en Ourense na tempada 2000-2001?
Foi o outro momento que teño. Despois vivín o ascenso como segundo adestrador, pero a sensación de liberación que sentimos en Ourense, ou polo menos que sentín eu, non o sentín co ascenso a Segunda. O equipo estaba practicamente descendido. A entrada de Nino e de Milucho foi fundamental, e ao final sacámolo. É quizais o recordo máis bonito pola liberación que supuxo o final do partido e porque descender daquela tería sido un pau moi gordo. Empezaba mesmo a pensar en deixar o fútbol. Eu creo que se chegamos a descender posiblemente non seguiría xogando. Foi un ano de moito sufrimento.
- E só unha tempada despois chegou a retirada, con só 31 anos, por unha grave lesión de xeonllo.
"A miña principal ambición non era asinar cun equipo de Primeira, o meu principal obxectivo no fútbol era ascender co Pontevedra"
Saín do quirófano e dixéronme que non podía xogar máis, pero aínda que puidese os últimos anos paseino moi mal, chegábame a picar tres veces por semana para poder xogar o domingo. Tiña o xeonllo feito unha porcallada, coa cartilaxe danada, así que aínda que puidese seguir non me custou decidirme por todo iso. Eu non lembro o adestrar sen sufrir.
- Non era o final da túa relación co Pontevedra. Despois tocou empezar na parte técnica, sendo partícipe do ascenso a Segunda como segundo de José Aurelio Gay, como o viviches?
Non é o mesmo, quedoume sempre a espiña de vivilo como xogador, porque a miña principal ambición non era asinar cun equipo de Primeira, o meu principal obxectivo no fútbol era ascender co Pontevedra. Pero creo que dos últimos anos foi quizais o acontecemento máis grande que viviu Pontevedra. Recordo como estaba a cidade, a cantidade de abrazos, daquela non había o coronavirus e foron semanas que te abrazaba todo o mundo pola rúa. A alegría que había na cidade… era un obxectivo de 27 anos e a xente tiña as mesmas ganas que posiblemente tiña eu. Foi unha explosión de alegría moi grande.
- Entrando un pouco no fútbol actual, parece que agora custa máis dar oportunidades aos mozos, no Pontevedra e en calquera club.
"Parece que hoxe se es infantil e non vas para o Celta xa non vas saír como xogador. Non hai esa sensación de eu vouno a conseguir estando no equipo da miña vida e chegando ata arriba"
O fútbol cambiou moito, como a sociedade. A xente quere ter cristianos, messis, como a mocidade que quere todo demasiado pronto. Parece que hoxe se es infantil e non te vas para o Celta xa non vas saír como xogador. Non sei, non hai esa sensación de eu vouno a conseguir estando no equipo da miña vida e chegando ata arriba. É certo que despois dan poucas oportunidades, eu creo que o Pontevedra sempre careceu de apostar un pouco máis pola xente da casa, e apostar é darlle continuidade, non sacarte dous, tres ou catro partidos. Un pouco como pasou naquela época con Couto e comigo, posiblemente foi polas circunstancias económicas que había que tirar de canteira, pero a nós puxéronos no equipo recentemente saídos do filial e con só 17 xogadores no plantel.
- Que se pode facer para cambialo?
Se cadra é a esixencia esa de que o Pontevedra ten sempre que ser aspirante ao ascenso, e parece que cos rapaces de aquí non podes selo, ten que vir xente de fóra, e non é así. Unha das miñas saídas cando deixei o corpo técnico foi porque había unha xeración moi boa con Serafín Neira no xuvenil de División de Honra, con Aitor Díaz, Fran Castaño, Fran Rico, Hugo Soto, Manu Rodríguez… había unha xeración para coller 4 ou 5 rapaces e levalos arriba, e era a idea que había, pero de súpeto cambiouse e empezouse a traer xogadores de fóra que nalgúns casos si achegaron, foi cando veu Charles, Yuri ou Igor, pero houbo outra serie de xogadores que non achegaron nada e taparon a esa xente. Estou plenamente convencido de que tres ou catro xogadores dese equipo terían xogado anos en Segunda B co Pontevedra, e terían achegado ese sentimento que queiras que non achega o da casa, ese compromiso.
"Ao Pontevedra sáelle mal un ano e cambia todo, cámbiase de adestrador e 10-12 xogadores, non hai unha base de equipo. Tes que ter un proxecto a longo prazo e confiar nese proxecto"
- E agora como afeccionado, xa afastado do fútbol, como ves ao equipo?
Este foi un ano un pouco irregular, pero é que seguimos partindo dun punto con demasiada présa. Eu creo que a mellor etapa que tivemos aquí a nivel de traballo e de facer as cousas ben foi cando chegou Nino, os seus primeiros anos ata o ascenso, que veu moi ben pero á vez foi o final desa etapa porque cambiou a mentalidade. Pero eses primeiros anos trazouse unha liña, houbo continuidade co adestrador, un proxecto, que é o que moitas veces o Pontevedra non tivo. Ao Pontevedra sáelle mal un ano e cambia todo, cámbiase de adestrador e 10-12 xogadores, non hai unha base de equipo. Tes que ter un proxecto a longo prazo e confiar nese proxecto e na xente e a que apostes, dar tempo, non querer correr demasiado.
- Para ir pechando, hai un xogador actualmente que aínda que non é canteirán só xogou a nivel profesional co Pontevedra, como é Edu Sousa. Velo como digno sucesor?
Eu creo que é un tío que xa coa idade que ten xa se debería expor quedar aquí e o propio club que Edu sexa o estandarte do Pontevedra durante os próximos anos mentres poida xogar, eu creo que é un tío que o gañou. Debería ser o próximo ‘One Club Man’.