Pablo Quintana colabora no histórico Europeo Sub-19 da Selección Española de Squash

Pontevedra
17 de abril 2017

O pontevedrés non tivo sorte na competición individual, pero foi parte do equipo que se proclamou subcampión de Europa da categoría no campionato celebrado durante a Semana Santa en Lisboa

Pablo Quintana (primeiro arriba pola esquerda) no podio do Europeo Sub-19 de Squash
Pablo Quintana (primeiro arriba pola esquerda) no podio do Europeo Sub-19 de Squash

O squash español fixo historia durante a Semana Santa cunha brillante participación no Campionato de Europa Sub-19 disputado en Lisboa.

Alí estaba Pablo Quintana, xogador do Squash Pontevedra, que aínda que non tivo moita fortuna na competición individual si que puido colaborar no subcampionato logrado por España no torneo por equipos.

O combinado español composto por Nilo Vidal, Sergio García, Cristina Gomez, Maria Gonzalez e o propio Pablo Quintana levou a medalla de prata tras avanzar ata a final e perder na rolda definitiva ante Inglaterra. Antes, na fase de grupos gañaran a Suecia e Finlandia e perderan ante a República Checa, para despois superar nas eliminatorias ás seleccións de Francia e Suíza en cuartos de final e semifinal respectivamente.

O Campionato de Europa concluíu este domingo coa final por equipos, pero arrincou bastante antes co torneo individual, no que o xogador pontevedrés finalizou no posto 35 despois de caer na rolda inicial ante o irlandés Scott Gillanders (0-3) e verse abocado a xogar o cadro de consolación. 

Tras ese partido Quintana avanzou no cadro ata as semifinais do segundo cadro ao gañar a rivais como alemán Jan Seagle (3-2) e o finés Rasmus Sirkia (3-0). Na semifinal cedeu ante o francés Adrien Douillard (1-3), vencendo despois nun último partido ante o tamén galo Alexandre Dubarry (3-1) para definir a súa clasificación final no campionato.