O adestrador pontevedrés de ximnasia acrobática, Pablo Hinójar, foi nomeado este martes seleccionador do combinado nacional pola Real Federación Española de Ximnasia. O técnico xa desempeñara esta función entre o 2011 e o 2019, pero o ano pasado solicitou unha excedencia para encargarse da preparación de Melania Rodríguez na súa carreira por clasificarse para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020.
"O pontevedrés Pablo Hinojar foi nomeado novo seleccionador de ximnasia acrobática. Desde a Real Federación Española de Ximnasia queremos agradecer a Jorge Méndez o traballo realizado ata o de agora á fronte do equipo nacional, e desexarlle moita sorte a Pablo nesta nova etapa", recolle o comunicado do ente federativo.
O estalido da pandemia botou por terra todos os plans competitivos de Melania e Hinojar. Ademais de pospoñer a cita olímpica, foron cancelados tamén todos os clasificatorios e todas as competicións nacionais e internacionais. Cunha carga de traballo tan reducida, a Federación solicitou a reincorporación do seleccionador. Algo que o pontevedrés aceptou de bo grado. "Agora non se me solapan competicións", sostén para explicar que poderá compatibilizar os cargos de seleccionador de ximnasia acrobática, trampolín e tamén a preparación de Melania Rodríguez nesta última disciplina.
"As cousas cambian cada semana", declara Hinojar sobre a incerteza que, como os demais deportes, padece esta disciplina. Coa vista posta no europeo previsto para abril do 2021 na cidade rusa de Socchi, traballan os ximnastas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Antes desta competición, na que están depositadas todas as confianzas de técnico e pupila para conseguir o billete olímpico, está previsto en decembro o campionato de España que se celebrará en Valladolid e xa en maio do 2021, unha copa do mundo en Italia.
Desde o inicio do curso escolar, a actividade ximnástica no centro de tecnificación pontevedrés incrementouse de forma notable. Agora son cinco os deportistas que traballan a diario nestas instalacións, pero desde a súa reapertura tras o confinamento, foron meses nos que Melania adestraba en solitario coa única compañía do seu preparador. "Era un pouco monótono, pero ela é moi disciplinada", encomia o adestrador, que confía en conseguir o obxectivo de estar en Tokio.
Tampouco aparta a vista de París 2024, edición na que non descarta que poidan tamén clasificarse algún dos mozos que ingresaron recentemente no CGTD se manteñen a súa prometedora progresión.