Tras os actos de conmemoración do seu 50 aniversario, o Club Cisne Balonmán púxose a traballar na confección do equipo para a tempada 2014-2015, na que volverá militar en Primeira Nacional. E xa coñecemos ás dúas primeiras fichaxes. En ambos os dous casos trátase de dous xogadores que volven á disciplina de club. Son o porteiro Pablo Galán e o lateral esquerdo Pablo Vidal.
No caso de Pablo Vidal, que actualmente ten 25 anos, regresa ao equipo no que se formou tras catro tempadas no Balonmán Chapela, a última delas en División de Honra Prata. O lateral izquiero foi tamén xogador do Carballal e debutou coa Selección Española nas categorías inferiores.
Pola súa banda, procedente do Balonmán Pontevedra onde militou a pasada tempada, chega Pablo Galán. Tamén de 25 anos, é un porteiro que chegou a xogar varios partidos co Academia Octavio, conxunto que ten un acordo co equipo pontevedrés.
A súa volta á disciplina do Cisne virá a paliar a baixa de Edu Alonso, que decidiu tomar un ano sabático afastado do balonmán para centrarse nos seus estudos.
O equipo presidido por Santi Picallo e dirixido por Edín Covelo segue sondando o mercado en busca de reforzos. Nos próximos días espéranse que frutifiquen novas negociacións con xogadores da bisbarra de Pontevedra.