Pablo Dapena volve á primeira liña da competición. Despois dun inverno complicado por unha lesión e o parón motivado pola súa recente paternidade, Dapena probouse o mes pasado cun sólido triunfo no tríatlon de Mallorca e este domingo volverá ao circuíto Challenge participando na competición de Media distancia da cidade polaca de Gdansk.
A última participación internacional do triatleta pontevedrés tivo lugar no mes de setembro no Challenge de Almere e a través das súas redes sociais xa confesou as súas ganas de competir. "Finalmente podo dicir: estamos en Race Week. Fíxose esperar esta semana, con bolboretas no estómago, dúbidas e inseguridades propias da primeira carreira", compartiu no seu perfil de Instagram.
Con todo, a pesar da inactividade o deportista está rebosante de confianza. "Non vos vou enganar, estas dúas últimas semanas en casa déronme un pouco máis de confianza. O domingo sairemos de dúbidas a partir das 8.00 horas no Challenge de Gdansk", compartiu para oficializar o seu regreso ao circuíto internacional.
En Mallorca, nunha proba de distancia olímpica, Dapena deu un recital. Pero a súa especialidade é a resistencia e as probas de longa distancia. Ademais nesta cidade o ano pasado logrou subirse ao podio ao finalizar a proba en terceira posición.
Non será fácil, o prometedor Hampus Mansson, de Suecia, e o surafricano James McCallum parten como as principais ameazas dunha proba na que os participantes deberán completar 1,9 quilómetros a nado, 90 quilómetros en bicicleta e 21,1 quilómetros de carreira a pé.
E a actividade non cesará para Dapena, que xa ten no horizonte o Europeo de Ironman 70.3 en Elsinor.