Pablo Dapena, pretempada tardía en Lanzarote coa vista posta en xuño: "Non foi un inverno sinxelo, pero mereceu a pena"

Pontevedra
19 de abril 2022

O triatleta pontevedrés atrasou o seu inicio de ano para centrarse na súa familia, e agora trata de recuperar a súa posta a punto cunha concentración en Lanzarote. O Challenge Gdansk o 19 de xuño e o Campionato de Europa 70.3 de Elsinore o 26 do mesmo mes son as dúas primeiras citas importantes no seu calendario

Pablo Dapena, de pretempada en Lanzarote
Pablo Dapena, de pretempada en Lanzarote

"Non foi un inverno sinxelo, nin moito menos, pero mereceu a pena e moito", sinalaba recentemente Pablo Dapena nas súas redes sociais desde a concentración iniciada a modo de pretemporada tardía. O triatleta pontevedrés, que atrasou o seu inicio de ano para centrarse na familia tras ser pai, recoñecía que "é hora de darlle a volta á tortilla" co obxectivo de recuperar "a esencia, a motivación e as ganas de superarse".

Dapena estableceuse no complexo Sands Beach de Lanzarote desde o 28 de marzo, acompañado da súa familia, para afinar a súa posta a punto de cara a unha tempada que iniciará no mes de xuño.

"É bastante máis tarde que outros anos, pero a situación é a que foi e non imos pedir máis", sinala a PontevedraViva o campión do Mundo de tríatlon de longa distancia gozando desta nova fase. "Antes viña a Lanzarote coa xente do centro de tecnificación e agora veño coa familia e sinceramente igual este sitio gózalo máis coa familia", asegura.

Aínda que as sesións son habitualmente en solitario, segue a machada a programación establecida polo seu novo adestrador, o neozelandés Dan Plews, coa vista posta nas primeiras carreiras importantes do seu calendario de 2022, que serán o Challenge Gdansk o 19 de xuño e o Campionato de Europa 70.3 de Elsinore o 26 do mesmo mes, competición na que "fun terceiro hai uns anos e vai ser complicado agora co nivel que hai revalidar podio pero imos tentalo".

Antes, para chegar a ton, planea probarse nunha travesía a nado en Lanzarote e nun tríatlon olímpico en Mallorca o 28 de maio, que coincidirá coa concentración prevista na illa balear polo seu equipo, o Team BMC.

En canto ao resto da tempada aparece marcado en vermello o Campionato do Mundo ITU de Tríatlon de Longa Distancia, que se celebrará en  Samorin (Eslovaquia) o 21 de agosto nun formato máis reducido do habitual nos últimos anos cun percorrido de 2.000 metros de natación, 80 quilómetros de ciclismo e 18 quilómetros de carreira a pé, moi diferente á distancia Ironman de 2021 en Almere (3,8 quilómetros de natación, 180 en bicicleta e 42 a pé). "Haberá que reconverterse a rápido", sinala respecto diso Dapena.

Outras citas nas que espera participar, aínda que pendente do seu ranking, son as carreiras da PTO en Edmonton (23-24 de xullo) ou Dallas (17-18 de setembro), ademais de valorar se participar no Europeo que terá lugar en Bilbao (17-24 de setembro) ou no Challenge Budva (25 de setembro).

O que é seguro é que o pontevedrés non pelexará este ano polo World Bonus que reparte Challenge porque "non dan os números" ao ter planificado como moito tres aparicións nas carreiras da franquía, incluíndo o 15 de outubro o Challenge Peguera de Mallorca.