As lesións volven cebarse con Pablo Dapena, que se despide da tempada cando estaba a chegar á súa recta final. Mal momento para o triatleta pontevedrés, que se converteu nun dos máximos aspirantes para lograr o World Bonus da franquía Challenge coa súa segunda posición na clasificación e que agora ten que dicir adeus por unha nova lesión.
"Desafortunadamente tengo que decir adiós a esta temporada", anunciou Dapena a través das súas redes sociais. "Molestias en la zona interna de la cadera no me permiten correr desde el Challenge Almere y necesitaré al menos 3-4 semanas más de descanso para recuperarme".
O pontevedrés lamenta "este renuncio de última hora" e asegura as súas intencións de "apurar mis opciones hasta el último momento". Con todo, a recuperación alongouse máis do previsto e perderase as tres últimas semanas que restan de tempada, cancelando a súa participación no Challenge Salou (3 de outubro) e no Challenge Praguera-Mallorca (16 de outubro).
Esta retirada deixa a Dapena practicamente sen opcións de loitar pola recompensa do World Bonus. Estaba clasificado en segundo lugar con 1.000 puntos, superado polo intratable Patrick Lange. Tras eles, Thomas Steger ten 950 puntos; Lionel Sanders, 900; Braden Currie, 875; Frederic Funk, 800; e Jan Frodeno, 750.
Pero agora o importante é "recuperar o corpo aínda que creo que a prioridade é a cabeza", asegura o campión do Mundo de tríatlon de longa distancia, que desexa "suerte a todos en este tramo final de temporada".