Dende hai anos, Pontevedra é sinónimo de tríatlon. Ningún outro deporte tivo unha progresión tan espectacular como esta. Javi Gómez Noya axudou, sen dúbida, a esta popularidade. Pero gran parte deste éxito é froito do esforzo e dedicación de numerosos atletas. Moitos son anónimos e outros empezan a facerse un nome neste duro deporte. Pero todos eles teñen algo en común, fixeron desta disciplina case unha filosofía de vida.
Ese espírito traspasa fronteiras día a día. Non só durante as competicións nas que participan senón tamén, grazas a tres deles, dende a pequena pantalla. Tres mozos pontevedreses foron seleccionados, debido á súa proxección neste tríatlon de competición, para protagonizar o último anuncio dun dos produtos estrela da multinacional Coca-Cola. En concreto, trátase da bebida isotónica Powerade.
Os pontevedreses Pablo Dapena e Miguel Ángel Vidal son os protagonistas desta peza publicitaria. Acompáñalles a viguesa Aline Bosch. Os tres mostran o funcionamento da plataforma Powerade Beat, na que actualmente xa hai inscritos máis de 8.000 deportistas. Nela, poden rexistrar os seus adestramentos de running, marcha, ciclismo, mountain bike e natación a través de tres aplicacións e dous sistemas de medición adicionais.
Sincronizando a actividade física que cada deportista desempeñe diariamente, a plataforma elabora un perfil persoal. En función destes resultados, accións concretas de uso e probas de compra de produtos da marca, pódense conseguir puntos para participar nas distintas promocións, a través dun ranking e dun sorteo. Busca, en todo caso, ser un punto de encontro online para os amantes destas disciplinas.
Un destes tres protagonistas, Miguel Ángel Vidal, desvelou a PontevedraViva que a rodaxe do anuncio se realizou integramente na provincia de Pontevedra. Levouno a cabo a produtora Verve Audiovisual, con sede en Vigo. "Comentáronme que había un proxecto para Powerade e que pensaran en min para o casting", explica. "Despois dunha pequena selección, saíu Pablo para o sector de auga, Aline para a carreira a pé e eu para a bicicleta".
Foi todo iso en escenarios ben recoñecibles para os pontevedreses. As escenas de auga e parte da bicicleta graváronse no encoro do Pontillón do Castro (Verducido), mentres que o resto do segmento de dúas rodas se completou no Monte da Groba (Baiona) e no Monte Aloia (Tui). A última parte do anuncio, a correspondente á carreira a pé, rodouse na Illa das Esculturas e o paseo fluvial do Lérez.
Foron en total tres días de rodaxe que Miguel recorda con especial cariño. "Foi todo moi intenso, sobre todo polos constantes cambios de localizacións, pero tamén moi agradables e divertidos", asegura o triatleta pontevedrés, que destaca especialmente o equipo humano e técnico encargado desta gravación, e o traballo de Helifilm Producciones, encargados das tomas aéreas con drones e que, asegura, "deixáronme realmente alucinado".
Na rodaxe do anuncio colaboraron tamén a Policía Local e o Concello de Pontevedra, que facilitaron en todo momento o traballo de gravación que obrigou a realizar varios cortes de tráfico. Todo iso fai que os seus protagonistas non o dubiden. "A experiencia foi de dez, repetiría hoxe mesmo porque paseino fenomenal", conclúe Miguel Ángel Vidal. E o resultado final? Teno claro. "Non fai falta que diga nada, á vista está".