Pablo Dapena, incorporación de luxo para a nova tempada do Tríatlon Rías Baixas

Pontevedra
09 de febreiro 2022

O club deportivo, que vén de trasladar a súa sede a Pontevedra e ten previsto estrear tempada no Dúatlon Movéndonos por Poio, contará "sempre que sexa posible" co campión do mundo da longa distancia, enrolado nas filas do equipo profesional BMC

XX Trofeo Ciudad de Pontevedra de tríatlon
XX Trofeo Ciudad de Pontevedra de tríatlon / Mónica Patxot

Novo curso e ilusións renovadas para o Tríatlon Rías Baixas, clube que vén de trasladar a súa sede a Pontevedra.

A entidade deportiva ten previsto estrear tempada o vindeiro sábado 12 de febreiro no IV Dúatlon Movéndonos por Poio, e farao cun plantel renovado na que destaca un nome, o de Pablo Dapena.

O campión do mundo de longa distancia "competirá baixo o noso escudo sempre que lle sexa posible", confirma o Rías Baixas sobre o pontevedrés, triatleta profesional enrolado nas filas do potente BMC.

Ademais de Dapena o club incorporou 18 deportistas, destacando unha sección feminina que contará cun bloque de 12 triatletas.

O obxectivo do Tríatlon Rías Baixas será ambicioso, e é que pretende mellorar no Ranking Nacional buscando o ascenso á Segunda División Masculina, todo iso sen esquecer a meta de consolidar a súa estrutura feminina e de promesas.

En canto ao dúatlon de Poio, serán 17 os seus deportistas presentes na cita que supoñerá o pistoletazo de saída á tempada.