Pablo Dapena, descualificado cando rodaba en boa posición no Mundial de Longa Distancia

Pontevedra
28 de agosto 2017

Amargo debut de triatleta pontevedrés na longa distancia ao non poder concluír a súa carreira no Campionato do Mundo celebrado en Penticton, Canadá. Dapena foi descualificado polos xuíces por saírse do carril habilitado no sector ciclista, obstruido polos competidores dos grupos de idade

Pablo Dapena, nun tríatlon en Sanxenxo
Pablo Dapena, nun tríatlon en Sanxenxo

Amargo debut Pablo Dapena no tríatlon de longa distancia ao non poder concluír a súa carreira no Campionato do Mundo celebrado en Penticton, Canadá.

O triatleta pontevedrés acudía á cita, incluída na primeira edición do ITU Multisport Festival que acollerá Pontevedra en 2019, despois de prepararse a conciencia e coa intención de presentar batalla aos grandes favoritos.

Estaba a logralo, xa que rodaba nos postos cabeceiros cando os xuíces decidiron descualificalo na metade do sector ciclista por saír do carril marcado. Dapena, que asegurou estar avisado diso no 'briefing' previo de participantes, viuse obstaculizado no seu camiño polos competidores da categoría de grupos de idade.

"Asumo mi culpa y mi responsabilidad, avisado estaba del Briefing. Pero seamos realistas es una auténtica chapuza que durante 2,3 km use un arcén de 1m y en la segunda vuelta te encuentres a grupos de edad por la derecha y por la izquierda y te obliguen a frenar", explicou afectado polo sucedido.

A polémica produciuse no medio do segundo sector, de 120 quilómetros en bicicleta, despois de que o pontevedrés marcase o segundo mellor tempo nos 3 quilómetros de natación.

O vencedor final no Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia foi o canadense Lionel Sanders (5:20:36).