Pablo Dapena, clasificado para o Mundial Ironman 70.3 de Niza

Pontevedra
02 de xuño 2019

O pontevedrés debutou esta fin de semana na franquicia Ironman no 70.3 disputado en Suiza e finalizou en segunda posición, tan só por detrás do alemán Andi Boecherer, que xa estaba clasificado para o Mundial

Pablo Dapena entra en meta no Ironman 70.3 de Suíza
Pablo Dapena entra en meta no Ironman 70.3 de Suíza

Pablo Dapena conseguiu, esta fin de semana, a clasificación directa para o Mundial de Niza, que se disputará o próximo mes de setembro. 

O pontevedrés debutou este domingo na franquicia Ironman no 70.3 de Suiza e fíxoo cun gran resultado. Logrou finalizar en segunda posición, cun tempo de 03:49:29, tan só por detrás do alemán Andi Boecherer (03:48:30), que xa tiña a praza para a proba Mundial (ao correr posto ao seguinte, clasifícase Dapena). 

O podio completouno o suízo Sven Riederer, que cruzou a liña de meta a 01:47 de Dapena (03:50:57).

Os triatletas ocuparon as súas posicións na liña de saída ao redor das 8:00, cando amencía en Rapperswil-Jona un día asollado co ceo completamente despexado. 

O galego saíu da auga (proba de natación realizada no Lago de Zúric) no segundo posto por detrás de Michael Raelert. Tras el, Nils Frommhold, Riederer, Martin  Bader e Maurice Witt. 

Durante o primeiro tramo do traxecto en bicicleta, Dapena mantívose no grupo na cabeza, aínda que perdendo algunha posición despois da transición. Tanto que tras os primeiros quilómetros, el e o suízo cederon 45 segundos, quedándose algo máis atrás. 

Non sería ata a proba a pé que o pontevedrés conseguiría recortar distancias e colocarse a tan só 17'' do segundo posto. Despois do quilómetro 14, Dapena consegue reducir ao mínimo esa diferenza e ocupar o posto de subcampión, pero con Riederer pisándolle os talóns. Finalmente, sen dar tregua, logrou manter a praza e chegar á meta cun oco asegurado no Mundial.

Consulta os tempos de Pablo Dapena no Ironman 70.3 de Suiza.