Pablo Crespo obra a fazaña e clasifícase (virtualmente) para os Xogos Olímpicos

Pontevedra
09 de maio 2024

O padexeiro pontevedrés conseguiu este xoves clasificarse para os Xogos Olímpicos de París 2024 no Preolímpico de piragüismo que se está a disputar en Hungría, aín da que terá que esperar pola reasignación de prazas. Era a súa última oportunidade para clasificarse

Pablo Crespo, tras conseguir a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de París
Pablo Crespo, tras conseguir a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de París / Real Federación Española de Piragüismo

A familia Crespo Penas ten un novo olímpico, tras a fazaña protagonizada este xoves Pablo Crespo no Preolímpico Europeo de Piragüismo que se está a disputar en Szeged, Hungría.

Fillo de Ana Penas (olímpica no 92, 96 e 2000) e José Manuel Crespo (olímpico no 96 e 2000), o padexeiro da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra afrontaba a última oportunidade clasificatoria tras o seu recente triunfo no Selectivo nacional.

Pablo competía no C-1 1.000 metros, unha das dúas únicas distancias sprint nas que España non tiña asegurada a súa presenza en París 2024, unha proba na que se presumía ademais unha alta competencia.

Así foi, e é que o pontevedrés avanzou á final co terceiro mellor tempo da súa serie, facéndose coa última praza para a a tanda decisiva.

Xa na final, de novo un terceiro posto supón a súa clasificación para os Xogos, e é que a pesar de haber só dúas prazas en liza o vencedor foi o ruso Zakhar Petrov (3:47.02), que un día antes certificara a súa presenza nos Xogos no C-2. Por iso co seu tempo de 3:49.92 logrou xunto ao italiano Nicolae Craciun (3:49.03) o ansiado pasaporte olímpico (pendente da reasignación de prazas xa que Rusia debe renunciar primeiro ao C-1).

Pablo Crespo únese deste xeito a unha armada pontevedresa que en París estará representada tamén por Antía Jácome en C-2 500 e C-1 200 metros e Carolina García e Teresa Portela, que competirán no K-4 500 metros.