Pablo Carnero fai xustiza e decide no minuto 96 un derbi polémico entre Arosa e Pontevedra (1-2)

Pontevedra
12 de abril 2015

Partido tenso e intenso, resolto no tempo de desconto polos granates, que foron o equipo máis ambicioso e o que máis buscou a vitoria fronte a un rival que se botou atrás dando por bo o empate, e que se encontrou coa dura mazada que supuxo ver como os de Luisito remontaban o gol inicial de Adrián Camiño, con senllos lanzamentos de falta no último suspiro de cada período. Tres puntos que dan a clasificación matemática para o play-off ao Pontevedra

Mouriño celebra o gol que significaba o empate a un no Arosa-Pontevedra na Lomba
Mouriño celebra o gol que significaba o empate a un no Arosa-Pontevedra na Lomba / Diego Torrado
Luisito analiza a vitoria que dá a clasificación matemática para o play-off ao Pontevedra /

Todos os ingredientes para un derbi e algún máis. Arosa e Pontevedra protagonizaron un partido tenso e intenso, resolto no tempo de desconto polos granates, que foron o equipo máis ambicioso e o que máis buscou a vitoria, especialmente na segunda metade, fronte a un rival que se botou atrás dando por bo o empate, e que se encontrou coa dura mazada que supuxo ver como os de Luisito remontaban o gol inicial de Adrián Camiño, con senllos lanzamentos de falta no último suspiro de cada período.

Tres puntos que dan a clasificación matemática para o play-off ao Pontevedra e déixano nunha posición inmellorable para alcanzar o título, mantendo nove de vantaxe sobre o Deportivo B. Pola súa banda o Arosa vese beneficiado dos resultados producidos noutros campos que lle permiten seguir a tres puntos do cuarto posto.

O Pontevedra saíu ambicioso. Sen especular. Deixando claro que quería ir a polo partido. Asumiu o mando a través da posesión de balón, ante un Arosa que buscaba chegar cun fútbol máis directo.

Os granates pouco tardaron en crear perigo. tan só transcorreran 38 segundos de xogo cando Fran Fandiño entra na área local e manda un balón envelenado, en parábola, que supera a Jorge para rematar estrelándose no longueiro.

Premendo arriba, o equipo de Luisito mandaba e chegaba, pero o que non estaba nos seus plans era a intervención do colexiado, que castiga como penalti un salto entre Pedro García e Esteban Capelo, no primeiro balón colgado sobre a área polos arlequinados (minuto 12). Ninguén reclama nada, pero o árbitro interpreta que o defensor impacta co cóbado na cabeza do dianteiro. Adrián Camiño encárgase do lanzamento. Edu rexeita, pero o propio Adrián Camiño aproveita para en semifallo adiantar os seus.

O gol non cambiou o guión inicial. Os granates seguiron dominando, pero o seu xogo acelerouse un pouco, como querendo arranxar o roto pola vía rápida. E case o conseguen cando Fran Fandiño (minuto 20) lanza un disparo afastado que busca a escuadra. Jorge Pérez voou para sacar un balón que se coaba, a custa de darse un bo golpe contra o poste.

A partir de aquí o partido entra nunha fase de xogo bronco, con demasiados encontróns, interrupcións e protestas das que tirou mellor proveito o equipo de Piscis, logrando equilibrar o dominio territorial visitante. Adrián Camiño intentouno tras un corner. Edu rexeitou. E Pablo Vázquez tívoa tras unha falta lateral. Entrou con tanto ímpeto que mandou o balón ás nubes.

A resposta do Pontevedra chegou nun gran centro de Pablo Carnero (minuto 42) que Fran Fandiño non aproveita, en excelente posición, ao rematar desviado.

Sería como o aviso do que sucedería pouco despois, na última xogada do primeiro tempo. Pablo Vázquez corta coa man, case na mesma liña frontal da área un perigoso pase interior. Mouriño e Pablo Carnero prepáranse para o lanzamento. Era posición para un zurdo, pero foi Mouriño quen buscou sorprender polo exterior da barreira. O balón rozou nesta e despistou a Jorge, establecendo o empate que facía xustiza ao visto nun intenso e interesante primeiro acto.

O regreso de vestiarios non ofreceu nada novo. O Pontevedra seguía levando o peso, co Arosa cada vez máis encerrado, buscando unha contra que non chegaba. Adrián Camiño e Anxo avisaron en disparos que saíron altos, nas únicas accións de relativo perigo antes de que se cumprise a hora de partido. Logo Piscis deu entrada a Quique Cubas, que coa súa loita debía lidar en solitario coa defensa rival.

Álvaro Muñiz puido marcar (minuto 64) nun bo disparo. Jorge evitouno sacando o balón da cepa do poste. E o porteiro arlequinado volveu salvar por dúas veces máis o seu equipo en remates de Pablo Carnero. O primeiro, minuto 72, tras unha excelente parede con Mouriño, que o dianteiro non puido transformar, vendo como o meta desviaba o seu caneo ao bordo da área pequena. O segundo nun remate de cabeza a centro de Anxo (minuto 74) que se foi ao centro, encontrando ben colocado ao gardameta.

Co Arosa dando por bo o empate e defendéndose con todo, os minutos consumíanse mentres o árbitro perdoaba o vermello a Adrián Camiño por unha fea entrada por detrás sobre Fran Fandiño para cortar unha perigosa acción. Ata que chegou o desconto. Cinco minutos decretou o colexiado. Poucos eran para as abundantes perdas de tempo do cadro arosista, que resistía como podía o pulo dun Pontevedra que buscaba a vitoria. E encontrouna de novo na última xogada e de novo no lanzamento dunha falta dende a frontal.

A entrada das asistencias para atender as cambras dos xogadores locais levaron ao desconto do desconto cando unha clara falta de Quique Cubas sobre Jacobo deixa a responsabilidade a Pablo Carnero (minuto 96). O dianteiro volveu ser clave e decisivo, deixando mostras da súa inmensa calidade técnica. O lanzamento de rosca superou a barreira, mentres Jorge observaba impotente como o balón se ía ao fondo da rede.

Foi sacar de centro e pitar o final. O que veu logo estivo de máis. A tángana que se montou iniciada tras o gol da vitoria granate polos xestos de Jacobo cara a Adrián Camiño remataron cunha refrega na entrada de vestiarios, que afortunadamente foi parada polos seus propios compañeiros, e con Piscis negándose a valorar en Sala de Prensa o partido, todo iso reflexo da tensión acumulada nun derbi intenso no campo pero absolutamente deportivo nas bancadas, nas que ambas as dúas afeccións deron mostra de señorío e saber estar.

AROSA SC (1): Jorge Pérez (3); Juanjo (2), Juan Rodríguez (2), Martín (2), Álex Freire (2); Pablo Vázquez (2), Iago Pérez (1); Javi Pazos (1), Adrián Camiño (2), Eloy Fariña (1); e Esteban Capelo (1).

Substitucións: Quique Cubas (2) por Javi Pazos, minuto 56. Alfonso (1) por Iago Pérez, minuto 68. Santi (s.c.) por Esteban Capelo, minuto 80.

PONTEVEDRA CF (2): Edu (1); Adrián (2), Pablo (2), Kevin Presa (2), Rubén Lobato (1); Pedro García (2); Álvaro Muñiz (2), Fran Fandiño (3), Mouriño (2); Pablo Carnero (3) e Jorge (1).

Substitucións: Anxo (2) por Jorge, minuto 58. Tubo (1) por Mouriño, minuto 80. Jacobo (s.c.) por Fran Fandiño, minuto 84.

Árbitro: Alexandre López Vila (A Coruña), auxiliado nas bandas por Fabián Blanco Rodríguez e Bernardo Domínguez Manteiga. Amoestou a Javi Pazos, Iago Pérez, Pablo Vázquez, Adrián Camiño e Eloy Fariña, polo Arosa, e a Pedro García, Pablo e Mouriño, polo Pontevedra. Ademais, Jacobo e Adrián Camiño viron a cartolina amarela unha vez finalizado o partido, no túnel de vestiarios pola liorta entre ambos os dous, o que para o capitán arosista significaba a segunda e polo tanto a súa expulsión. Tamén finalizado o partido viu a tarxeta vermella o técnico arosista, Piscis.

Goles: (1-0) Minuto 13: Adrián Camiño. (1-1) Minuto 45: Adrián Mouriño. (1-2) Minuto 96: Pablo Carnero.

Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía de Arosa). Uns 2.500 espectadores, con numerosa presenza de afeccionados visitantes.