Pablo Alonso, do Supermercados Froiz, presenta a súa candidatura ao título na Copa de España

Pontevedra
15 de marzo 2021

O corredor da escuadra pontevedresa terminou en quinta posición a segunda etapa da Copa de España despois de sobrepoñerse a unha caída e afiánzase no segundo posto da xeral

Pablo Alonso, ciclista do G. D. Supermercados Froiz
Pablo Alonso, ciclista do G. D. Supermercados Froiz

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz inicia a tempada con bo pé. A escuadra alimenticia pecha a segunda etapa da Copa de España cun quinto posto asinado por Pablo Alonso, que se afianza no segundo posto da clasificación xeral.

Nunha proba marcada pola choiva, o frío e as caídas, os de Evaristo Portela souberon moverse ben no pelotón e coarse no grupo de cabeza nas últimas voltas da etapa con tres corredores. Pablo Alonso, Satiago Cadavid e Ramón Fernández entraron na escapada decisiva xunto con outros sete corredores.

Na última subida ao porto de Aduna, os homes do Caixa Rural subiron o ritmo e lograron abrir un oco definitivo. A 45 segundos, en quinta posición, entrou Pablo Alonso, ao que a caída sufrida a metade de carreira non lle pasou factura grazas ao traballo de Miguel Mera, que se descolgou para levar ao seu compañeiro á cabeza do pelotón.

Despois da disputa das dúas primeiras probas da Copa de España, o gran obxectivo da tempada para o cadro pontevedrés, o G. D. Supermercados Froiz marcha en sexta posición na xeral por equipos e ten en postos de podio, segundo clasificado no ranking elite, a Pablo Alonso.