Óscar Martínez asina co Racing Rioja e Pitu comprométese co Badalona

Pontevedra
07 de xullo 2021

Dous dos futbolistas que acababan contrato esta campaña na casa granate confirmaron nas últimas horas o seu novo destino, confirmando desta forma a súa despedida de Pontevedra

Óscar Fernández, adestrando co Pontevedra CF en Pasarón
Óscar Fernández, adestrando co Pontevedra CF en Pasarón / Mónica Patxot

A lista de baixas no Pontevedra Club de Fútbol segue facéndose máis grande a medida que os futbolistas que acababan contrato e aos que, na maioría de casos, non se lles ofreceu a opción de continuar, van atopando novo destino.

Os últimos dous xogadores en pasar a formar parte desta nómina son Juan Carlos Fernández Marín 'Pitu' e Óscar Fernández.

No caso do primeiro, o extremo asinou polo CF Badalona da Segunda RFEF, poñendo así fin a un breve periplo en Pasarón que se iniciou no mercado de inverno e que lle levou a disputar só cinco encontros de liga, un deles como titular e a maioría no tramo final do curso, cando Luisito empezou a recorrer a el.

Pola súa banda Óscar Fernández comprometeuse con outro club da Segunda RFEF, o Racing Rioja. O cántabro non chegou a ter continuidade na casa granate, xogando 14 partidos ao longo da liga partindo sempre desde o banco.

Pitu e Óscar únense a outros xogadores do Pontevedra que atoparon acomodo nun novo destino como Adrián Cruz, Eneko Zabaleta, Jorge Fernández, Xisco Campos, Imanol e Borja Martínez.

Desta forma dos xogadores do primeiro plantel na última tempada só faltaría por coñecer o futuro de Mario Fernández, Pol Bueso, Aitor Núñez e Damià Sabater, un futuro que salvo sorpresa será tamén lonxe de Pasarón.