Os xuvenís do Pontevedra golean ao Lugo B para pechar un mes case perfecto e afiánzanse na zona alta da táboa

Pontevedra
24 de decembro 2020

Os granates gañaron tres dos catro partidos disputados no mes de decembro, cunha derrota pola mínima diante do líder Compostela, para consolidarse na terceira praza do subgrupo e en postos de loita polo ascenso a División de Honra

O Pontevedra xuvenil despide o 2020 cunha goleada ao Lugo B (6-1) no Manolo Barreiro
O Pontevedra xuvenil despide o 2020 cunha goleada ao Lugo B (6-1) no Manolo Barreiro

O equipo xuvenil do Pontevedra, que milita en Liga Nacional, o segundo chanzo estatal desta categoría en España; está de doce. Os mozos adestrados por Baptiste despediron o ano na véspera de Noiteboa cun atracón de goles ao filial do Lugo (6-1) que lles permite despedir o ano 2020 na terceira posición da táboa, debido a que dará acceso ao finalizar a segunda volta a loitar polo ascenso directo a División de Honra. 

Con sete partidos xogados, os granates só perderon dous enfrontamentos contra o Compostela e Deportivo B, primeiro ou segundo clasificado respectivamente. Con todo, os xuvenís alcanzaron este mes de decembro a súa velocidade de cruceiro con só unha mancha no seu historial, a derrota pola mínima contra o cadro santiagués. Todo o demais foron goleadas: 6-1 ao Lugo, 3-0 ao Arousa e 3-0 ao Vitoria. 

Os de Baptiste gozan agora dunhas merecidas vacacións e regresarán aos terreos de xogo o 10 de xaneiro, cando está prevista a visita ao Racing Villalbés. O final desta primeira fase, na que o Pontevedra debe rematar na metade superior da táboa para competir polas dúas prazas de ascenso, está programado para o 28 de marzo, cando se disputará a décimo oitava xornada desta primeira fase de competición na que os conxuntos galegos da categoría están divididos en dous subgrupos.