Pode aínda Jéssica Bouzas aspirar a unha praza para disputar os proximos Xogos Olímpicos de París? A resposta é si, sobre todo tras os resultados conseguidos nas últimas semanas, aínda que se trata aínda dun soño complicado.
O bo arranque de tempada da tenista arousá fixo que pegue un gran salto no ranking mundial, no que aparecía este luns no mellor posto da súa carreira (104) tras o seu triunfo no WTA 125 de Antalya. A iso sumou un triunfo máis en primeira rolda do WTA 125 La Bisbal d'Empordá, aínda que caeu este mércores na segunda eliminatoria fronte á tamén española Rebeka Masarova por 6-3 e 6-2. Con todo este resultado coloca a Bouzas no Top-100 de maneira virtual, a falta do resto de resultados da semana.
En canto a París 2024, o ranking olímpico mide só os puntos desde o pasado Roland Garros. E será precisamente o Grand Slam de terra batida o que peche o período de clasificación, xa que a lista mundial do próximo 10 de xuño, o primeiro tras o torneo parisiense, será o que determine as prazas olímpicas.
Por iso, estando no inicio aínda da xira de terra batida, o soño olímpico é posible, aínda que para logralo será necesario conseguir uns grandes resultados nos dous próximos meses.
Na competición individual de París 2024 participarán 64 tenistas, das que 56 entrarán directamente por ranking, seis son prazas reservadas pola ITF e dúas máis son invitacións, unha a Francia como anfitrión. Todo iso con catro prazas máximas para cada país.
Neste sentido na última actualización da clasifiacción mundial WTA, Jéssica Bouzas era a quinta mellor raqueta nacional, só superada por Sara Sorribles (50 do ranking mundial), Cristina Bucsa (75), Paula Badosa (82) e Rebeka Masarova (91).
Para ser elixible existe ademais un requisito, que a arousá non cumpre pero na que entra nunha das excepcións da norma, a de ter participado en polo menos dúas roldas con España na Billie Jean King Cup, unha posibilidade que ata o de agora por ranking non estaba enriba da mesa.