Os Xogos Europeos en Minsk, no punto de mira do deporte pontevedrés

Pontevedra
28 de maio 2019

Catro deportistas da comarca, en loita olímpica e piragüismo, entraron no equipo nacional definitivo para a competición que deu a coñecer este martes o Comité Olímpico Español

Carolina García na Copa de España no Pontillón do Castro
Carolina García na Copa de España no Pontillón do Castro / Federación Galega Piragüismo

O deporte pontevedrés estará presente nos Xogos Europeos que se celebrarán na localidade bielorrusa de Minsk do 21 ao 30 de xuño.

A pesar de que algún deportista máis podía acudir ao contar con praza, finalmente foron 4 os representantes da comarca que entraron na listaxe definitiva do equipo nacional que deu a coñecer este martes o Comité Olímpico Español.

En piragüismo é onde haberá unha maior presenza pontevedresa, xa que nesta disciplina competirán tres das catro deportistas locais. Trátase de Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra), que  comptirá no K-2 200 xunto á balear Aida Caterina Bauzá; Natalia García (Breogán do Grove) no K-4 500; e María Pérez (Naútico O Muíño) no  C-2 500 metros. Ademais en piragüismo estarán en  Minsk outros padeeiros da provincia como o cangués Rodrigo Germade ou o vigués Roi Rodríguez.

Pola súa banda na modalidade de loita olímpica competirá nos Xogos Europeos a pontevedresa Lydia Pérez Touriño, na categoría de 62 quilos.

En total, o equipo español en Minsk estará conformado por 150 deportistas (78 homes e 72 mulleres) que competirán en atletismo, bádminton, baloncesto 3x3, boxeo, ciclismo, fútbol praia, ximnasia, judo, kárate, loita, piragüismo, tenis de mesa, tiro con arco e tiro olímpico.

"Moitos deles competirán pola praza para Tokio 2020", sinalou respecto diso da selección nacional o presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco.