A triatleta pontevedresa Saleta Castro e o seu compañeiro Víctor Benages saíron ilesos esta fin de semana dun aparatoso accidente de tráfico.
Despois de rematar a súa participación no campionato do mundo de tríatlon cros en Cáceres, ambos os deportistas regresaban á súa casa cando sufriron o rebentón dunha das rodas do seu coche.
"A estrada estaba moi encharcada, chovía moitísimo e non sabemos se había algo na estrada ou é que picamos unha roda á vez que entrabamos nun charco de auga, o caso é que deslizamos bastantes metros pola autovía, coma se estuvieramos nunha pista de xeo", relatou Castro nunha publicación nas súas redes sociais. "Volvemos nacer e démonos conta de que en cuestión duns segundos as nosas vidas poderían cambiar", engadiu.
Ao perder o control do vehículo, acabaron estrelándose contra a varanda da estrada. Con todo, o sistema de seguridade da súa furgoneta resultou fundamental para evitar males maiores. "A furgoneta foise estabilizando e freándose ata que chocamos contra a varanda, saltaron os airbags e nese momento activouse o sistema de socorro e xa tiñamos a unha persoa falándonos todo o tempo", detallou a atleta.
Rematou a súa narración a deportista pontevedresa lembrando o "afortunados" que foron. Non só por saír ilesos, senón por non implicar a outras persoas no suceso.
"A furgoneta, esnaquizada e nós sen ningún rasguño, sabendo moi ben que grazas a todas as proteccións e sistemas de seguridade que ten hoxe podo estar a escribir isto. Eternamente agradecida", concluíu.