Os socios granates teñen ata as 14 horas deste mércores para anotarse no sorteo e estar o domingo en Pasarón

Pontevedra
17 de novembro 2020

O Pontevedra enfrontarase o domingo, a partir das 17 horas, ao Salamanca co aforo de Pasarón limitado a 150 espectadores, aínda que o club traballa en poder amplialo, pola extraordinaria situación sanitaria derivada da pandemia da covid-19

Bancada de Pasarón con limitación de aforo no partido de liga entre Pontevedra e Celta B
Bancada de Pasarón con limitación de aforo no partido de liga entre Pontevedra e Celta B / Cristina Saiz

Ver un partido do Pontevedra en Pasarón esta tempada é case tan difcícil como resultar gañador da lotería. As restricións sanitarias reducen o aforo do estadio das 12.000 a só 150 butacas, aínda que desde o club continúan traballando para poder ampliar a cabida para este encontro no que os granates se medirán ao Salamanca CF.

Unha xornada máis, e xa van tres, a directiva do cadro pontevedrés ten que recorrer a un sorteo para adxudicar entradas entre os seus máis de 3.000 socios. A través das redes sociais, o club informou que os interesados en acudir ao partido dispoñen de prazo ata as 14 horas deste mércores 18 de novembro para inscribirse. Para facelo deben enviar un correo electrónico a [email protected] ou contactar telefonicamente co club (986 864 783).

É preciso lembrar que, polo peche perimetral decretado por Sanidade para conter o avande da pandemia da covid-19, só poderán acceder á cidade do Lérez aquelas persoas residentes nos municipios de Vilaboa, Ponte Caldelas, Barro, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior, Campo Lameiro, Poio, Marín ou Pontevedra. Para evitar que abonados destes territorios queden sen sitio no estadio, é recomendable que os socios de concellos que non poidan desprazarse á capital eviten inscribirse esta vez no sorteo.

Desde o club tampouco puntualizaron se, á hora de sortear as entradas, terán prioridade aqueles abonados que aínda non foron agraciados en sorteos anteriores. Con todo, PontevedraViva puido saber que desde as oficinas xa contactaron con algúns destes abonados para coñecer a súa dispoñibilidade de fronte ao partido do domingo, que comezará ás 17 horas e poderá seguirse por televisión polas canles da TVG.