Os rivais do Pontevedra, a análise: O Coruxo FC, ante o reto de reinventarse

Pontevedra
05 de setembro 2020

O club vigués afrontará a súa undécima tempada na categoría de bronce, despois de ser un dos maiores prexudicados o curso pasado coa suspensión da competición cando marchaba en quinta posición

Partido entre Coruxo e Pontevedra no Vao
Partido entre Coruxo e Pontevedra no Vao / Diego Torrado

Posiblemente o Coruxo FC fose un dos equipos máis prexudicados coa suspensión da tempada, e é que o cadro vigués estaba a asinar a mellor tempada da súa historia na Segunda División B ao marchar quinto soñando con meterse no play-off de ascenso. 

Os de Míchel Alonso eran sen dúbida una das revelacións da liga, e agora están de novo obrigados a reinventarse para unha tempada que se prevé máis complicada e intensa que nunca.

Por segundo ano consecutivo, Alonso estará ao mando do banco do Vao, cun proxecto que perdeu a algúns dos seus referentes como o central Lucas Puime, o extremo David Añón ou o dianteiro Youssef, pero que conserva a boa parte da súa columna vertebral con futbolistas identificados como Mateo Míguez, Antón de Vicente, Yebra, Diego Silva, Álex Ares ou o gardameta Alberto.

Co bo trato de balón como un dos seus signos e coa humildade das súas raíces como forza, o Coruxo tentará na súa undécima tempada en Segunda  B volver ser ese equipo incómodo para os rivais e competitivo en todo momento. Se alcanza o nivel da última campaña soña con tentar, por que non? pasar o corte e alcanzar a categoría PRO.

Polo momento os vigueses non se moveron demasiado no mercado de fichaxes, pero si confirmaron algunhas operacións. Así, aterraron no Vao o central  Andriu (Villarrubia), o centrocampista Chevi (Internacional de Madrid), o extremo Pedro Vázquez (Pontevedra CF) e os dianteiros Rivera (Pontevedra CF) e Álex Valiño (Haro Deportivo).