Os penaltis deixan o Ribadumia sen título autonómico da Copa RFEF

O Salnés
11 de outubro 2018

A final autonómica entre Ribadumia e Bergantiños concluíu con empate a 1 gol no seu tempo regulamentario e cun 2-2 na prórroga, tendo que decidirse o título desde o punto de penalti

Final galega da Copa RFEF entre Ribadumia e Bergantiños
Final galega da Copa RFEF entre Ribadumia e Bergantiños

Cos dedos rozou o Ribadumia o título de campión da fase autonómica da Copa Federación, pero non puido cun Bergantiños que levou a final desde o punto de penalti.

Os aurinegros comezaron ben o encontro disputado no estadio santiagués de San Lázaro, dominando o esférico e chegando con perigo á portería contraria. Así, tras varios achegamentos, atoparon premio cun bo gol de Hugo Soto no minuto 32 de xogo.

Os de Luís Carro atopábanse cómodos sobre o terreo de xogo, pero tras o descanso o seu ritmo descendeu, e a pesar de que Cheri puido poñer o 2-0, o que chegaría sería o empate tras un penalti de Alberto sobre Ekedi, que o propio atacante do Bergantiños converteu no 1-1.

Reaccionou o Ribadumia e, case a continuación, Hugo foi derrubado dentro da área. O punto de penalti volvía aparecer no duelo e xa empezaría a ser esquivo aos da Senra, xa que Miguel desperdiciou a oportunidade.

Así se chegou ao final do tempo regulamentario, dando paso a unha emocionante prórroga que non puido empezar peor. Aos 5 minutos Cañi aproveitaba un pase de Cano para poñer por primeira vez por diante aos coruñeses, pero non perdeu os nervios o cadro aurinegro e devolveu a igualdade cun remate de cabeza de Pablo Mota.

O título decidiríase nos penaltis, unha sorte que de novo non acompañou. Miguel, Matos e Mota fallaron os seus lanzamentos e o Bergantiños levou o título de campión e a opción de continuar na Copa RFEF de fútbol como representante galego uníndose ao vixente campión nacional, o Pontevedra, que entra agora en competición.

Consulta a acta da final galega da Copa RFEF entre Ribadumia e Bergantiños.