O soño de xogar a Copa do Rei esfumouse para o Club Juventud Cambados da maneira máis cruel posible, desde o punto de penalti.
O equipo amarelo plantouse na final rexional para acceder á fase previa do torneo do K.O., e desprazouse este domingo a Betanzos para medirse ao Victoria CF coruñés. En xogo estaba un billete para a competición nacional coa ilusión de poder enfrontarse a un club de Primeira División, como fixo no principio do ano o Ribadumia.
O certo é que o encontro se puxo ben para os de Rubén Cornes nunha boa primeira metade, adiantándose aos 24 minutos cun gol de Pablo Barrio.
O máis difícil estaba feito, poñerse en vantaxe, pero faltaba un mundo para o final. O Cambados púxose a iso e logrouno durante moitos minutos, ata que no minuto 70 chegou a xogada decisiva da eliminatoria. Alberto derrubaba un contrario dentro da área cometendo penalti e supoñendo a súa expulsión por dobre amoestación. O Victoria non desaproveitaba a ocasión e igualaba a contenda.
O marcador xa non se movería máis, polo que o desempate chegaría desde os once metros, e aí o equipo coruñés foi máis efectivo. Álvaro fallou o primeiro lanzamento cambadés, mentres que no bando contrario anotaron os seus cinco penaltis para levar o premio gordo de xogar a Copa do Rei.
Tería sido a quinta clasificación na historia do club para este torneo, pero terá que esperar a outra ocasión.