O peche dos Xogos Paralímpicos de París 2024 pechou un verán especial para o deporte pontevedrés, que estivo amplamente representado no gran evento do deporte internacional.
Por iso mesmo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, completou este venres as recepcións oficiais aos pontevedreses que competiron nos Xogos (polo menos aos que a súa axenda permitiulles estar na cidade). Primeiro pasaron pola casa de todos os pontevedreses Teresa Portela, Antía Jácome, Antía Chamosa e Carolina García, e nesta ocasión foi a quenda de Juan Saavedra, bronce paralímpico en París en tiro, e o piragüista Pablo Crespo.
Este último foi un dos benxamíns da expedición, nunha primeira experiencia olímpica que cualifica de "moi bonita", sobre todo porque "saír a remar coas bancadas cheas e a xente gritando é unha barbaridade, pero é que ademais acabei moi contento porque fixen o que tiña que facer, non tiña nin máis nin menos", explicou. É por iso que "teño que baixar aínda da nube", asegura.
Con todo o futuro por diante mira xa cara á cita de Los Ángeles 2028, pero tamén o fai un veterano como Juan Saavedra, con seis Xogos ás súas costas e tres medallas (unha prata e dous bronces). Non puido lograr o dobrete en Francia por un problema na súa carabina que lle afectou durante a final, pero os resultados fanlle mirar aínda ao horizonte con ambición.
"Estou a facer as miñas mellores marcas agora mesmo. O que quedou 15 nestes Xogos quedara segundo en Tokyo, subiu moito o nivel pero eu tamén o subín. Quédame Los Ángeles seguro e logo que é Brisbane, pois tamén", defendeu.
Dous exemplos de deportistas, Saavedra e Crespo, dos que "Pontevedra está orgullosa", sinalou pola súa banda o alcalde.