O Estadio da Romareda, en Zaragoza, será a primeira parada do Pontevedra Club de Fútbol no play-off de ascenso a Primeira RFEF, ao decidir o club maño trasladar ao campo principal da cidade o encontro da súa filial, o Deportivo Aragón.
O partido, fixado para as 12.00 horas do próximo domingo 12 de maio, permitirá desta forma o desprazamento de cantos afeccionados granates o desexen. Pero, que se atopará o equipo de Yago Iglesias?
O propio técnico recoñecía tras o sorteo deste luns que o Deportivo Aragón, como bo filial, é "deste tipo de equipo que teñen xogadores de moitísima calidade, están chamados a chegar ao fútbol profesional. Moitos deles están en dinámica do primeiro equipo", analizou en quente o adestrador dos pontevedreses.
No que respecta ao rival, está dirixido na banda polo ex do Racing de Ferrol, Emilio Larraz. Trátase dun preparador que adestrou os ferroláns as campañas 19-20 e 20-21 en Segunda B cun balance contra o Pontevedra dun triunfo granate (2-3 en Ferrol), un empate en Pasarón (0-0) e dúas vitorias (4-1 en Ferrol e 0-1 en Pasarón).
O Deportivo Aragón finalizou a liga regular con 56 puntos (polos 68 do Pontevedra), cun balance de 15 vitorias 11 empates e 8 derrotas, e uns rexistros de 51 goles a favor (o quinto mellor do seu grupo) e 40 en contra (o décimo neste aspecto), acabando a cero en 12 xornadas de liga.
Como local o filial maño sumou 35 deses puntos (10 vitorias, 5 empates e 2 derrotas), baixando este rendemento a domicilio con 21 puntos (5 vitorias, 6 empates e 6 derrotas) sendo o oitavo visitante do Grupo II da Segunda RFEF. Ademais chega ao play-off tras encadear tres xornadas sen gañar (un empate e dous partidos perdidos).
A nivel individual o máximo goleador do equipo é o dianteiro Aitor Mañas (11 tantos) seguido do tamén atacante Marcos Cuenca (9).
Destaca ademais que ningún dos futbolistas do equipo supera os 22 anos de idade, e oito deles chegaron xa a debutar na Segunda División, na que milita o primeiro equipo do Real Zaragoza. Trátase dos centrocampistas Pau Sans, Lucas Terrer e Vaqueiro, os laterais Borge e Antonio Sola e os atacantes Marcos Cuenca, Cortés e Liso. Destacan neste aspecto Borge con 752 minutos na primeira plantilla e Liso con 328 minutos.