Os nadadores seguirán un mes máis nas piscinas do CGTD e a Escola Naval á espera de resolver o conflito en Rías do Sur

Pontevedra
07 de abril 2022

A Federación Galega confirma a extensión do acordo alcanzado con estas dúas entidades a mediados de marzo á espera da procura dunha solución que permita a reapertura da piscina olímpica de Ponte Muiños

Piscina do CGTD
Piscina do CGTD

A Federación Galega de Natación confirmou este mércores que os clubs e nadadores afectados polo peche da piscina olímpica de Ponte Muiños poderán seguir facendo uso das instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra e da Escola Naval de Marín durante, polo menos, catro semanas máis.

Desde o estalido do conflito motivado pola decisión unilateral de Supera, concesionaria das instalacións do complexo deportivo Rías do Sur, de clausurar a piscina, o ente federativo asumiu lardua tarefa de atopar espazos alternativos para que os deportistas puidesen seguir adestrando e preparando as súas competicións nun momento crucial da tempada.

"Prorrógase catro semanas máis o adestramento dos clubs nas instalacións da Escuela Naval Militar de Marín e o CGTD debido ás dificultades que está a ter a Fundación Rías do Sur para a apertura da piscina. Está previsto que continúen ata a primeira semana de maio facendo uso das instalacións", recolle o conciso comunicado da Fegan, que confirman tamén clubs como o Galaico Sincro.

A mediados do mes de marzo, alcanzouse o primeiro acordo entre todas as partes para desprazar aos deportistas a estas dúas piscinas. O pacto permitiu aos nadadores do Natación Galaico, o Waterpolo Pontevedra e o Galaico Sincro retomar os adestramentos. E agora confírmase que poderán seguir facéndoo, como mínimo, ata o mes de maio. Unha data na que o conflito sobre Rías do Sur debería estar xa resolvido.

O desprazamento de todos estes equipos a estas dúas piscinas obrigou a reestruturar horarios para poder dar cabida a todos os nadadores nunha instalacións que xa antes da súa chegada estaban masificadas. con todo, a boa predisposición de todas as partes permitiu salvar a situación e supón todo un balón de osíxeno para os afectados polo crítico peche de Rías do Sur.