A tradicional cita de Poio co automobilismo terá lugar este ano os días 10 e 11 de setembro. A vixésimo segunda edición da Subida á Escusa presentouse este xoves no Casal de Ferreiros. Trátase dun evento que, por segundo ano consecutivo, será unha das tres probas puntuables para a Copa de España Norte de Montaña.
Acompañada por representantes da escudería organizadora, Buxa Motor Poio, a concelleira de Deportes, Marga Caldas, explicou que a proba se desenvolverá na estrada EP-9212, entre O Sartal e A Escusa, nun trazado que contará con algunhas modificacións con respecto a citas anteriores, especialmente na zona da saída para garantir unha maior seguridade e para seguir dando pasos para que a proba chegue a formar parte do Campionato de España.
Os organizadores prevén para este ano unha participación similar á do ano pasado, uns 60 pilotos. Unha cifra que aínda pode medrar porque o prazo de inscrición segue aberto. Confirmado está o concurso do vixente campión, Alexis Viéitez, que tamén participou no acto de presentación da proba.
Como non podería ser doutro xeito, tamén se agarda a presenza dun gran número de amantes do mundo do motor, polo que se habilitará un dispositivo especial para garantir a seguridade da afección e dos participantes, no que tomarán parte a Policía Local de Poio e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Non se poderá circular por esta zona desde as 14.30 horas do sábado 10. Para as 15.30 horas está previsto o inicio dos adestramentos oficiais previos á carreira. A competición pecharase o domingo pola mañá.
Ese día, o tráfico volverá a pecharse ás 8.30 horas e os adestramentos están fixados para as 9.30 horas. Unha vez finalizada a subida, ás 15.00 horas terá lugar o acto de entrega de premios e trofeos.
A edil nacionalista louvou “o esforzo e o traballo que desde Buxa Motor se leva realizando desde hai xa máis de dúas décadas para conseguir que a Subida á Escusa sexa unha das probas máis importantes e atractivas de Galicia”, dixo Marga Caldas mirando a Noemí Blas e Fabián Esperón, membros da escudería que participaron na presentación da proba.