A vitoria 'in extremis' do Pontevedra Club de Fútbol fronte ao RC Deportivo Fabril levantou o ánimo na casa granate tras un complicado inicio de tempada.
Con 7 puntos no peto, os de Yago Iglesias están a tres puntos do líder Numancia cando deben afrontar unha dura saída ao campo da UP Langreo, terceiro da táboa con 8 puntos e aínda invicto (2 vitorias e 2 empates).
Todo iso tras un primeiro mes de competición que empeza a deixar claro que xogadores son case que 'intocables' para o técnico, ou polo menos fixos nos seus esquemas.
Nove futbolistas partiron as catro xornadas como titulares: Edu Sousa, Garay, Churre, Mario, Dalisson, Yelko, Chiqui, Iago Novo e Rufo. Con todo só tres deles completaron todos e cada un dos minutos disputados (360 minutos), como son Edu, Garay e Churre. Tamén Mario aparece nas estatísticas con eses 360 minutos, aínda que no seu caso foi substituído no desconto en Soria.
Son curiosamente os mesmos xogadores que, sumando a Yelko Pino, encabezaron a lista de máis minutos sobre o céspede a pasada tempada.
Tras eles, aínda que sendo cambiados nalgunha ocasión, Chiqui acumula 341 minutos, Yelko e Dalisson 329 minutos e Rufo 314, superando todos eles a barreira dos 300 minutos.
O resto de futbolistas que foron titulares ata a data son Samu Mayo (3 veces), Álex González (2), Jesús Cambil (1), Héctor Hernández (1) e o canteirán David Marqués (1).
Outro dato curioso é que a pesar de ter completado só catro xornadas de campionato, xa debutaron todo os xogadores de campo do primeiro equipo, sendo o único inédito a día de hoxe o segundo gardameta Manu Vizoso.