Os granates volven ao traballo con vinte efectivos e catro ausencias

Pontevedra
29 de decembro 2023

Ángel Bastos, Mario Ortiz, Alberto Rubio e Libasse Gueye non estiveron presentes no adestramento, mentres que os tocados Borja Domínguez e Diego Seoane lograron completar parte do traballo co grupo

Primeiro adestramento do Pontevedra despois das vacacións de Nadal
Primeiro adestramento do Pontevedra despois das vacacións de Nadal

O Pontevedra volveu este xoves ao traballo para comezar a preparar o asalto ao novo ano, que chega cargado de partidos de vital importancia para o futuro inmediato do club granate.

Con todo, na primeira sesión posterior o parón do Nadal, Antonio Fernández só puido contar con vinte xogadores para comezar a preparar o partido de Copa do Rei contra o Mallorca do próximo 4 de xaneiro e as tres seguintes citas de liga con duelos directos pola permanencia fronte ao Badaxoz, Unionistas e Linense. 

A xornada de traballo estivo marcada polas ausencias de catro xogadores do primeiro plantel. Non saltaron ao céspede do campo de fútbol de Xeve nin Bastos, nin Mario Ortiz, nin Alberto Rubio. Os tres marcharan de vacacións con lesións de diferente consideración, pero polo visto neste primeiro día de adestramento, o seu estado físico aínda segue sendo preocupante.

Máis sorprendente foi a ausencia do heroe do último partido e flamante mellor xogador sub 23 do ano en Senegal, Libasse Gueye. O extremo africano tampouco participou na sesión sen que desde o club explicasen o motivo.

En cambio, si que traballaron xunto ao resto de compañeiros Miguel Román, Borja Domínguez e Diego Seoane. O primeiro fíxoo ao mesmo ritmo que os demais, mentres que os outros dous completaron a primeira parte da sesión co grupo pero, no momento de disputar unha posesión, traballaron á marxe co preparador físico. 

Aínda restan seis días para o primeiro encontro do ano, polo que os xogadores tocados teñen tempo suficiente para mellorar a súa condición física e chegar a tempo ao partido. Máis difícil parecen telo os tres xogadores que non saltaron este xoves ao campo.

O primeiro adestramento tras o parón estivo marcado polo traballo con balón e unha intensidade media. Os xogadores realizaron exercicios dinámicos de pases e posesión en poucos toques para activar a musculatura despois dunha semana de vacacións.

No exterior do terreo de xogo, observaban a evolución dos xogadores os directivos responsables da parcela deportiva: o director deportivo Toni Otero e o conselleiro Roberto Feáns.