Ao rematar o primeiro adestramento da pretemporada, os máximos responsables da dirección técnica e deportiva do Pontevedra, Yago Iglesias e Charles Dias, compareceron na sala de prensa de Pasarón para analizar a confección do plantel, as primeiras xornadas de traballo e os pasos dados polo club no mercado.
O principal nome propio da xornada foi, unha vez máis, Libasse Gueye. O extremo senegalés que desapareceu durante dous meses tras o parón do Nadal non participou este mércores na posta de longo do primeiro equipo granate. "Está a falar co club sobre o seu futuro. Cos xogadores que tiñan contrato, nun primeiro momento contabamos con eles. Pero cada xogador ten a súa idea e a oportunidade de continuar ou non. Están a falar para ver cal é o seu futuro", sinalou o adestrador deixando entrever que é o xoven atacante o que, outra vez, rexeita seguir pertencendo ao club de Pasarón.
Pola súa banda, Charles trata xa de pasar páxina e centrarse nos futbolistas que si están en corpo e mente co Pontevedra. "Queremos centrarnos no que temos agora. Estamos a facer as cousas bastante ben, gustoume o adestramento de hoxe. Que non nos embace nada o que estamos a facer ben. Nos próximos días irase informando", declarou o director deportivo sobre o caso.
A última incorporación, procedente da terceira división portuguesa e internacional cun país de escasa tradición futbolística tamén suscitou sospeitas como o propio adestrador recoñeceu. "Vén da liga portuguesa e cando non coñecemos algo nos xera dúbidas, pero o rendemento do xogador verase cada fin de semana. Ten partidos en primeira e segunda, iso unido aos bos informes e os partidos que lle vimos fai que sexa o perfil idóneo para incorporar", defendeu o preparador.
Sobre a súa forma de xogar, explicou Yago que se trata de "un xogador que Charles coñeceu e viu. Vén para xogar en banda dereita, é rápido e encarador. Chega a linea de fondo pero tamén se asocia moi ben". Defendeu o técnico que "non só buscamos perfís futbolísticos, tamén persoais".
O terceiro nome que estivo sobre a mesa foi o de Yelko Pino. Nos últimos días as redes sociais asociadas á contorna do Pontevedra CF especulaban coa inminente saída do mediocentro granate e Charles non puido ser máis contundente. "Yelko non se vai, Yelko queda. Segurísimo. Non sei de onde sae iso", puntualizou a responsable da área deportiva ao finalizar a rolda de prensa despois de equivocarse na resposta ao non entender a pregunta dunha xornalista.
A comparecencia serviu tamén para valorar as carencias que aínda ten o plantel de Yago Iglesias. Están aínda pendentes de asignar catro fichas sub 23 e unha sénior. E esta última todo apunta a que tardará en ter dono. "Seguramente a imos a usar, pero con calma que só nos falta unha", afirmou Charles.
No mesmo sentido pronunciouse Yago Iglesias, facendo gala do bo entendemento que está a ter co seu director deportivo desde o minuto uno. "Charles e eu somos un desde o primeiro día", sostén Iglesias. "Deixamos esa ficha por se creeemos que dentro dunha semana ou dúas hai que reforzar algunha parcela ou sipor aparece algunha oportunidade de mercado que veña a subir o nivel", engadiu o adestrador.
Ademais, ambos mostraron a súa intención de dar oportunidades á canteira. "Imos ver a moitos rapaces subir, o obxectivo do club é mirar á canteira e, para iso, temos ao mellor adestrador", concluíu Charles.