Os estudantes do Campus de Pontevedra únense ao movemento 'Beer Runner'

Pontevedra
02 de decembro 2015

Por segunda vez o campus pontevedrés acolleu unha carreira popular deste movemento, que defende o consumo moderado de cervexa como un elemento de recuperación tras a práctica deportiva

'Beer Runner' no Campus de Pontevedra
'Beer Runner' no Campus de Pontevedra / Cristina Saiz

Preto dun cento de estudantes do Campus de Pontevedra participaron este mércores na segunda carreira 'Beer Runner' que se organiza na cidade de Lérez.

Do mesmo xeito que na primeira ocasión, no ano 2013, a zona universitaria foi escenario do evento, cun percorrido de catro quilómetros.

Era o punto e final da xornada Cervexa e Deporte, organizada polo Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo xunto ao Centro de Estudos Cervexa e Saúde na facultade de Ciencias da Educación e Deporte.

Esta xornada presentou as conclusións dun estudo que valora os beneficios dun consumo moderado de cervexa na recuperación do deportista tras un esforzo.

O movemento 'Beer Runner' iniciouse no ano 2007 en Estados Unidos, co único propósito de realizar deporte e terminar a xornada gozando cos compañeiros dunha cervexa en grupo, expandíndose desde entón por todo o planeta e chegando a cidades españolas como Barcelona, Madrid, Zaragoza Vigo ou A Coruña, entre outros.