Aínda camiñan pola fase inicial da tempada, pero o certo é que os equipos sénior do Club Waterpolo Pontevedra avanzan con paso firme nas súas respectivas ligas, contando os seus partidos por vitorias.
A piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva foi escenario a fin de semana dunha nova xornada, con actos reivindicativos con motivo do 25 N incluídos, na que os pontevedreses recibían a visita do Pabellón Ourense.
O primeiro en xogar foi o equipo masculino da Liga Galega de División de Honra, que aproveitou a cita para dar descanso a varios titulares facendo mesmo debutar a novos xogadores. Esa circunstancia afectou o seu rendemento ao comezo do choque, onde o Pabellón aproveitou varios erros defensivos locais para adiantarse 1-3 no marcador.
Os de Javi de Sáa non perderon os nervios e foron gañando terreo ata remontar ao final do primeiro cuarto 5-3 e abrir brecha antes do descanso, ao que se chegou cun 9-3. A partir dese momento produciuse un intercambio de goles que non puxo en perigo o triunfo final (14-10).
Coa vitoria o Pontevedra mantense invicto despois de tres xornadas con 9 puntos, os mesmos que un CW Santiago que se presume como o seu principal rival na loita polo título de liga.
Despois chegou o segundo partido do curso para o equipo sénior feminino de División de Honra, onde a pesar das baixas coas que chegaba o Pontevedra mostrouse moi superior ao seu rival asinando un contundente 23-3.
As pontevedresas destácanse así no liderado da categoría.