As augas do encoro de Verducido acollerán esta fin de semana o campionato de España de barco dragón, unha modalidade de piragüismo que non deixa de gañar adeptos.
Ao longo de toda a xornada do 12 de agosto e durante a mañá do 13 celebrarase este evento nacional no que participarán preto de 600 deportistas con idades comprendidas, na súa maioría, entre os 35 e 50 anos procedentes de diferentes comunidades autónomas de España.
"Con este campionato achegamos tamén algo de deporte ás festas", declarou a concelleira Anabel Gulías na presentación do torneo na que participou tamén o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea.
A competición constará de diferentes regatas sobre as distancias de 500 e 200 metros e con embarcacións de 22 e 12 tripulantes. A modalidade de dragón inclúe, ademais dos padeeiros, un temoneiro e un tamborilero, que é o encargado de marcar o ritmo das paladas.
Unha das particularidades desta disciplina, moi popular en Asia e cada vez máis exitosa en España e Europa, é que no campionato participarán máis mulleres que homes. "O 58 % das persoas rexistradas son mulleres", destacou con orgullo o presidente da Federación lembrando que se trata dun deporte moi recomendable para mulleres que padecen cancro de mama porque serve para fortalecer grupos musculares que favorecen a recuperación.