Os Doval, unha familia co banderín nos xenes

Pontevedra
17 de setembro 2024

Julio Doval foi, durante cinco tempadas, asistente na Segunda División española. Agora, 14 anos despois, o seu fillo Sergio estreouse en Primeira RFEF seguindo os seus pasos e soñando con chegar ao fútbol profesional

Julio e Sergio Doval, no Complexo Deportivo Manolo Barreiro
Julio e Sergio Doval, no Complexo Deportivo Manolo Barreiro / Mónica Patxot

Julio Doval foi, durante cinco tempadas, asistente na Segunda División española. Agora, 14 anos despois, o seu fillo Sergio estreouse en Primeira RFEF seguindo os seus pasos e soñando con chegar ao fútbol profesional. Unha familia de pontevedreses que leva o banderín e a arbitraxe nos xenes.

"Eu víao na tele cando era pequeno e oxalá el me acabe vendo agora", recoñece a segunda xeración de árbitros dos Doval, que non esconde a influencia que lle supuxo o seu pai. "Moitísima, aínda que el non quería que collese a bandeira, prefería que seguise co chifre, pero eu era o que vía na casa e desde pequeno, cando empecei con 13 anos, sempre dixen que quería ser asistente", afirma.

O cabeza de familia pola súa banda non esconde que "quería que fose árbitro principal porque o facía ben. Designáronlle no Manolo Barreiro en Terceira Rexional nun Atlético Estación-Bueu, e cando cheguei e vino quedei super tranquilo", explica sobre os inicios de Sergio.

Ao longo destes anos coincidiron dúas veces no terreo de xogo "unha cando eu era o delegado de árbitros, ao non presentarse un árbitro e eu fixen de asistente e Segio doutro, con Antonio Loira como principal, e despois veu comigo de asistente a un partido de play-off de ascenso de xuvenís en Cuntis", rememora Julio Doval, que na actualidade segue dirixindo partidos na Segunda Futgal e colaborando coas categorías de veteranos e de base. "Eu se me deixan ata os 60 anos non vou deixar o chifre", afirma convencido.

Iso si, cando chegue se momento ten claro o seu desexo, e é que "o último partido ten que ser con el no campo e espero que sexa co equipamento do fútbol profesional, é a miña ilusión", recoñece.

Mentres tanto Sergio Doval arrincou con ilusión a tempada tras o seu ascenso a Primeira RFEF, a antesala de converterse en profesional a tempo completo. "Estou encantado da categoría na que estou, non é profesional pero empezas a ver reflexos de. Debutei en Ponferrada, nunha Ponferradina-Real Sociedad B con 6.000 persoas, campos que son profesionais ou o foron fai nada. Estas con a ilusión de estar en Primeira RFEF e non te queres montar películas, pero é que o que hai xa por encima é o fútbol profesional, e todos soñamos con chegar aí. As ambicións sempre están. Imos tentalo pero é difícil, somos 60 asistentes a nivel nacional, o filtro é grande. Imos pelexalo pero cos pés no chan", explica.

Sergio Doval leva varias tempadas formando equipo co tamén pontevedrés Álvaro Juncal, do que só ten boas palabras porque "para min é como un irmán, é a cuarta tempada que estamos xuntos e só con vernos no campo sabemos que pide un do outro. É moi especial dar o paso de ascender xuntos e seguir facendo equipo. A miña ilusión sería seguir avanzando con el. Esta tempada é distinta porque vou facer moitos partidos con outros árbitros pero para min ir con Álvaro sempre é especial", recoñece.

Ademais no que pai e fillo están de acordo é no gran nivel actual co que conta a nivel de colexiados o Comité Técnico de Árbitros (CTA) de Pontevedra, ao que pertencen, empezando polo internacional Alejandro Muñiz Ruiz e que é "a punta do iceberg. Hai moitísimo traballo detrás. En Primeira RFEF están Dani Pastoriza e Álvaro Juncal, en Segunda RFEF Miguel Oliveira e Alberto Gómez Lameiro, asistentes ata fai nada estaba Isma González tamén. Eu creo que agora mesmo somos un referente a nivel autonómico, e iso implica que se están facendo as cousas ben, desde que estaba Manuel Vidal de delegado e agora con Ramón Arís".

Un soño compartido por chegar á elite que non aparta o foco do momento actual, e é que Julio Doval aconsella ao seu fillo simplemente "que goce do momento, porque xa o feito de estar en Primeira RFEF coa súa idade é moi importante".