Os deportistas pontevedreses finalizan a súa participación nos Xogos Europeos de Minsk

Pontevedra
27 de xuño 2019

O noveno posto de Natalia García (Breogán do Grove) na final do K-4 500 metros de piragüismo foi o resultado máis destacado dos deportistas da comarca. Menos sorte correron Lydia Pérez na competición de loita e María Perez (O Muíño) e Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra) tamén en piragüismo

O K-4 500 de Natalia García nos Xogos Europeos en Minsk
O K-4 500 de Natalia García nos Xogos Europeos en Minsk

Os Xogos Europeos, que na súa segunda edición están a celebrarse estes días en Minsk (Bielorrusia), chegaron ao seu fin para os deportistas da comarca.

O mellor resultado logrouno Natalia García (Breogán do Grove) no piragüismo, ao conseguir un noveno posto de finalista no  K-4 500 xunto a Sara Ouzande, Isabel Contreras e Begoña Lazcano. 

A tripulación española avanzou no seu debut nas roldas clasificatorias e logrou meterse na final da súa proba cun segundo posto na súa quenda de semifinais. Xa na pelexa polas medallas e nunhas condicións complicadas, o K-4 pechou este xoves a final cun tempo de 1:49.624.

Antes concluíron a súa participación as outras dúas padexeiras pontevedresas en Minsk, ao non conseguir o mércores pasar ás finais. Foron María Pérez (Naútico O Muíño) en C-2 500 e Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra) no K-2 200 metros. En ambos os casos, tras avanzar ata as semifinais, asinaron un sétimo posto nesas quendas quedando fóra da pelexa polas medallas.

A representación pontevedresa pechábaa este xoves Lydia Pérez na modalidade de loita olímpica, pero a deportista do Club  Loita Pontevedra non conseguiu avanzar no cadro da súa categoría, -62 quilos.

Lydia cedeu no seu enfrontamento ante a ucraína Yuliia Tkach (0-6) nos oitavos de final quedando relegada á repesca. O seu próximo gran reto chegará no Mundial, primeiro evento clasificatorio para os Xogos Olímpicos de Tokyo 2020.