A Selección Galega de Taekwondo conseguiu a fin de semana en Alacante a primeira posición por equipos no Campionato de España Sénior de Combate, grazas en parte aos grandes resultados achegados por deportistas pontevedreses.
Un exemplo foi Sara Cortegoso (Mace Sport Pontevedra) ao conseguir revalidar o seu título de campioa de España na categoría de -46 quilos nun torneo no que foi de menos a máis. Empezou con problemas para superar en primeira rolda á balear Selena Ortega por 18-14, pero mellorou en cuartos de final contra a catalá Gloria Rodríguez (30-10), mentres que en semifinais superou á madrileña Laura Muñoz (32-20). Xa na final esperaba a manchega Ainara Pérez, nun duelo igualado no que tivo que remontar ata o 15-12 final que lle daba a medalla de ouro.
Tamén Arlet Ortiz (Mat's de Marín) levou o ouro en -57 quilos nunha competición esixente que comezou cun apurado triunfo ante a madrileña Rocío Merino (9-7) e continuou ante a catalá Andrea Bosh (10-6) e a manchega Rosa Rodríguez, número 2 do ranking nacional á que superou por 12-9. En canto á pelexa polo título, Arlet desfíxose da valenciana Tamara Miguel (13-4).
O outro oro marinense foi o Iván García (Mat's) en -87 quilos. O seu primeiro rival foi o catalán Álex Mas (14-9), mentres que na semifinal venceu ao murciano Manuel Guillén (14-9) e na gran final ao catalán Alassana Diarra (14-4).
Tamén sumaron medalla en Alacante Pablo Fernández (Mat's) ao ser prata en +87 quilos e a caldense Lúa Piñeiro (Natural Sport) cun bronce en -67 quilos.