Os corredores galegos xa coñecen o novo circuíto da Illa das Esculturas para o Campionato de España de Ciclocrós

Pontevedra
03 de xaneiro 2020

O evento celébrase os días 11 e 12 de xaneiro e o trazado inclúe novidades con respecto ao torneo do 2019 como un cambio de sentido, a instalación dun paso elevado e novos obstáculos

Ciclistas galegos proban o circuito da Illa das Esculturas para o campionato de España de Ciclorós 2020
Ciclistas galegos proban o circuito da Illa das Esculturas para o campionato de España de Ciclorós 2020 / Cristina Saiz

A falta dunha semana para a disputa do Campionato de España de Ciclocrós, na Illa das Esculturas xa empeza a respirarse o ambiente das grandes citas deportivas. Na tarde deste venres varios dos corredores galegos que loitarán pola vitoria nas diferentes categorías do torneo tiveron a oportunidade de coñecer o circuíto de primeira man. Un trazado que, a pesar de celebrarse no mesmo escenario que o ano pasado, é completamente novo.

Pouco se pareceu o itinerario pontevedrés do nacional do 2019 á Copa de España celebrada ese mesmo ano no mesmo emprazamento. E os organizadores volveron a demostrar a versatilidade do escenario para dar unha volta de porca máis ao percorrido. Cambios de sentido, novos obstáculos, pontes e moito barro marcarán o desenvolvemento da competición.

"É máis técnico e revirado", asegura Alberto do Río, membro do comité organizador da competición. O pelotón percorrerá a Illa no sentido contrario ao dos dous últimos eventos e ademais a lonxitude pasa dos 3.500 aos 3.100 metros

Para as probas do 11 e 12 de xaneiro, os corredores terán que pasar sobre unha ponte, creado a imaxe e semellanza dos pasos elevados da Copa do Mundo, de 20 metros que servirá como punto de cruzamento do trazado. Nun momento pásase por baixo e logo por arriba, o que dará maior espectacularidade á proba.

O punto clave do circuíto estará na ladeira que antecede á recta de meta, ubicada na parte traseira da Facultade de Forestais. "Se hai barro será máis esixente", recoñece do Río. As condicións meteorolóxicas marcarán o devir da carreira porque, segundo os cálculos dos organizadores, o barro estará presente no 40 % do circuíto. "Vai formar barro coma se tratásese dunha leira labrada, os primeiros que entren xa se van a meter no lodo", subliña o organizador.

Desde o comité organizador destacan o gran atractivo de Pontevedra para a organización deste tipo de eventos. “Dentro do ciclocrós non se poden ter máis cousas. Polas infraestruturas que hai ao redor (aparcamento, duchas, cafeterías...) e pola proximidade dunha gran cidade como Pontevedra, a cinco minutos a pé", valoran. Con todo, aseguran estar a traballar para reducir o impacto que este tipo de competicións provocan no terreo.