Os comisarios técnicos da Federación Galega de Automobilismo fórmanse en Poio

Poio
13 de febreiro 2024

A Federación Galega de Automobilismo (FGA), en colaboración coa Escudería Buxa-Poio, celebrou en Poio o primeiro 'Curso de Comisarios Técnicos da FGA'

Curso de Comisarios Técnicos da FGA en Poio
Curso de Comisarios Técnicos da FGA en Poio / Federación Galega de Automobilismo

A Federación Galega de Automobilismo (FGA), en colaboración coa Escudería Buxa Motor Poio, celebrou en Poio o primeiro 'Curso de Comisarios Técnicos da FGA'.

Tratouse dunha formación á que acudiron preto de 70 persoas e que contou con charlas de relatores chegados de Estremadura ou Canarias e coa colaboración do departamento técnico da FGA poñendo en valor o traballo dos comisarios á hora de realizar as verificacións nas diferentes competicións de motor.

Eles son, de feito, os que velan por que se respecten as normas de seguridade tanto dos vehículos como dos deportistas.

Segundo sinala a FGA, os participantes no curso recibiron información sobre as novidades en materias de seguridade e algúns puntos críticos á hora de verificar un vehículo de competición.

Ademais grazas á colaboración da Escuadra Buxa Motor os alumnos completaron a formación cunha parte práctica na que utilizaron varios vehículos de competición cedidos para a ocasión, que ían desde un Subaru Impreza ata un Kart, un Carcross ou un fórmula Outeda.