Os clubs da cidade buscan novos talentos no II Móstra-T Deportivamente

Pontevedra
25 de xuño 2014

As entidades deportivas organizarán exhibicións durante a tarde do venres 27 de xuño na Praza de España e a Avenida Monteiro Ríos de Pontevedra de 17:00 a 21:00 horas

Presentación da segunda edición do Móstra-T Deportivamente
Presentación da segunda edición do Móstra-T Deportivamente / PontevedraViva

A segunda edición do Móstra-T Deportivamente desenvolverase este venres 27 de xuño na Praza de España e tamén na Avenida Monteiro Ríos, lugar cara ao que o evento se estende debido á alta participación.

Trátase dunha serie de exhibicións dos clubs deportivos da cidade, que buscan con iso darse a coñecer na sociedade pontevedresa e a inscrición de novos nenos que queiran practicar deporte.

Dos 8 clubs que estrearon a mostra hai un ano pásase agora a 15 entidades que converterán o centro da cidade nunha festa deportiva con múltiples disciplinas dende as 17:00 horas ata as 21:00.

Os clubs que participarán nas exhibicións son: 

Pontevedra Rugby Club, Club Natación Sincronizada Pontevedra, Ximnasia Rítmica As Triscas, Ximnasia Rías Baixas, Baloncesto Estudiantes Pontevedra, Waterpolo Galaico, Ciudad de Pontevedra C.F., Pontevedra Roller Derby, Salvamento SAPO, ACD A Seca, Escola Hungaresa de Esgrima, Escola de Xadrez Pontevedra, Arco Teucro e Mace Sport, ademais da empresa Serviocio.