A expedición galega desprazada a China para a disputa do mundial de piragüismo maratón comeza a recoller medallas desde a primeira xornada da competición. Os canoistas arousáns Diego Romero e Tono Campos fixéronse co ouro e a prata na regata curta do C1.
A proba comezou pasadas as 10.15 horas (horario español) e desde as primeiras paladas os piragüistas das Rías Baixas deixaron claro que ían dominar a competición.
Os competidores completaron tres voltas ao circuíto, con dous porteos incluídos. O duelo final polo ouro entre Romero e Campos, ambos os dous do Breogán do Grove, foi espectacular e decantouse en favor do primeiro por unha estreita marxe dun segundo e medio. O gañador completou os 3.6 quilómetros da proba en 16 minutos e 17 segundos. O terceiro posto foi para o checo Jakub Brezina.
Celia Toledo, no K1 júnior; e Eva Barrios na proba curta do K1 absoluto; conseguiron outras dúas medallas de bronce para España nesta primeira xornada de competición.
A pontevedresa Raquel Rodríguez tivo que conformarse co décimo terceiro posto no C1 sénior, o júnior lerezano, Pedro Crespo foi sétimo no C1; Tania Álvarez, novena no K1 sénior; e Antonio Palmas, décimo sexto no K1 sénior.