Organizan un "tríatlon popular, para todas as idades e capacidades" no marco dos Mundiais Multideporte

Pontevedra
04 de abril 2025

Pontevedra será unha das seis cidades que acolla o recentemente creado circuíto 'Trimparables', con probas populares que pretenden converter o tríatlon nun deporte ao alcance de todos

Triatlón Cidade de Pontevedra
Triatlón Cidade de Pontevedra / Diego Torrado

Converter o tríatlon nun deporte ao alcance de todos. É o obxectivo do novo circuíto 'Trimparables', impulsado pola Federación Española de Tríatlon xunto ao Diario AS e a SER.

Trátase dun circuíto popular de eventos "con valores e inclusivos", xa que segundo explicou na súa presentación o presidente da Federación Española, José Hidalgo, "queremos tríatlon popular, para todas as idades e capacidades".

Por ese motivo, con distancias e probas accesibles, facilitarase a participación de calquera deportista outorgando unha licenza dun día a aqueles inscritos que non estean federados, garantindo a súa cobertura médica en caso de contratempo.

Trimparables nace con eventos en seis cidades, e Pontevedra será unha delas xunto a Xixón, Torremolinos, Zaragoza, Valencia e Eivissa.

No caso da Boa Vila esta competición popular incluíuse dentro da progamación dos Mundiais Multideporte do próximo mes de xuño, xa que se celebrará o sábado día 28.

Todo con carreiras que se poderán afrontar de maneira individual, por remudas, por parellas, en categorías de inclusión ou para menores de idade e con distancias máis que asumibles para calquera aficoinado ao deporte.

En concreto os tríatlons serán sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé), supersprint (250 metros, 6,6 quilómetros e 1,6 quilómetros), tríatlon inclusivo (250 metros, 6,6 quilómetros e 1,6 quilómetros) e as substitucións e parellas tanto sprint como supersprint.

As carreiras, avanzan, non serán a única actividade, xa que ao redor delas engadiranse eventos paralelos nunha oferta de lecer e deporte e para todos.