O Pontevedra Club de Fútbol non estará só no estadio da Romareda no choque de ida da primeira eliminatoria polo ascenso fronte ao Deportivo Aragón, do próximo domingo 12 de maio (12.00 horas).
Apenas unhas horas despois de coñecerse o emparellamento, o club granate habilitaba unha viaxe en autocar para que os seus afeccionados poidan desprazarse a Zaragoza.
Trátase dun autobús que partirá ás 22.00 horas do sábado desde o Pavillón Municipal dos Deportes e que volverá tras o encontro. Todo cun prezo de 30 euros con persoa incluíndo a entrada (fixada en 15 euros), que tamén pode comprarse de maneira solta para acometer a viaxe por conta propia.
Esta opción organizada estará dispoñible ata as 14.00 horas do xoves.
PROMOCIÓN PARA A VOLTA EN PASARÓN
Paralelamente o Pontevedra Club de Fútbol traballa no choque de volta no Estadio Municipal de Pasarón, partido que se fixou para o domingo 19 de maio ás 18.00 horas.
Para este decisivo duelo cada abonado granate poderá retirar ata dúas entradas co 50% de desconto, de maneira anticipada nas oficinas de Pasarón ou ata o día do partido a través da venda en liña.
O prezo das localidades mantense con respecto á liga regular con entradas a 10 euros nos fondos, 15 euros en Preferencia e 20 euros en Tribuna para o público adulto, mentres que a categoría xuvenil (7 a 17 anos) deberá pagar 8 euros en fondos e Preferencia e 15 euros en Tribuna. Os menores de 6 anos poderán entrar ao estadio de balde.