Once anos movéndose pola diabetes coa Milla Solidaria Anedia

Pontevedra
07 de novembro 2024
Actualizado: 14:13

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra será escenario o vindeiro domingo 10 de novembro da XI Milla 'Móvete pola Diabetes'

Presentación da XI Milla Solidaria Anedia
Presentación da XI Milla Solidaria Anedia / PontevedraViva

Pontevedra acollerá un ano máis, e van once, a Milla 'Móvete pola Diabetes', proba deportiva impulsada pola Asociación de nenos e nenas con diabete de Galicia (Anedia).

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva acollerá o evento o vindeiro domingo 10 de novembro.

Trátase de "unha proba que pretende ser un acto de visibilización", destacou na súa presentación a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, acompaña da presidenta de Anedia, María José Rego, e de Gonzalo Méndez en representación do Club Atletismo Rías Baixas.

"Non facer actividade física pode descender ata 11 anos a vida dunha persoa con diabetes", destacou Rego sobre a importancia de impulsar a práctica deportiva de nenos e nenas que padecen esta enfermidade.

Serán nesta ocasión máis de 400 os deportistas que tomarán parte na competición.

Farano a partir das 10.30 horas empezando coas probas populares e federadas absolutas e seguindo até case as 13.00 horas con carreiras para categorías de diferentes idades.

Aínda que a inscrición para participar está xa pecha "está aínda aberto o dorsal solidario", lembrou Anabel Gulías sobre a posibilidade de realizar doazóns a Anedia.

As doazóns, así como toda a información da milla solidaria, poden realizarse na páxina web www.carreirasgalegas.com.