Oito xogadores do Tenis de Mesa Monte Porreiro clasifícanse para a disputa do Torneo Estatal

Pontevedra
06 de novembro 2012

Os representantes do club pontevedrés realizan un notable papel no Zonal celebrado en Lalín con presenza de deportistas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela e León

Este fin de semana celebrouse en Lalín el Torneo Zonal 1, no que participan as Comunidades Autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela e León, onde os 8 primeiros de cada categoría se clasifican para disputar o Torneo Estatal, no cal participan os 32 mellores xogadores de España de cada categoría.

Unha vez máis, o tenis de mesa pontevedres está de parabén despois dos resultados obtidos polos compoñentes do TM Monte Porreiro. Oito foron os xogadores da canteira pontevedresa clasificados para a disputa do Torneo Estatal no que só participan os 32 mellores xogadores de cada categoría, destacando os subcampionatos conseguidos por José Manuel, en categoría benxamín masculina e Nacho Fernández, en categoría sub-23 masculina, así como o Campionato conseguido por Santi Prieto, en categoría infantil masculina, onde revalidaba título.

Nacho e Santi, xogadores de División de Honra co Enmacosa Monte Porreiro, demostraron o por que dos seus resultados en liga, realizando un torneo espectacular, no que Nacho só puido ser derrotado na gran final ante o xogador do Arteal de Santiago, Edu Barreiro, por un axustado 3-1. Pola súa banda, Santi Prieto rematou o torneo imbatido, pero sufrindo en semifinais ante o xogador de Gondomar, Martín Pintos e vencendo con suma facilidade na final o xogador de Castela e León, Daniel Sanz, por un claro 3-0.

En canto a José Manuel, torneo inmaculado do mozo pontevedrés, no que demostrou por que é o actual campión galego, vencendo todos os seus encontros por 3-0 ata chegar á final, onde se enfrontaría ao fenomenal xogador Miguel Núñez de Burgos. José non soubo manexar ben os nervios e rematou cedendo por 3-0 con marcadores moi axustados pero sen poder poñer en máis apertos o burgalés.

Por parte das xogadoras do equipo de División de Honra Setga Monte Porreiro, excelentes resultados xa que tanto Eli coma Vicky Cadilla se clasificaron en 6º e 7º lugar respectivamente, vencendo xogadoras de gran nivel como Sara Gómez, de Asturias ou Marta Alba, de Cantabria. Outra das compoñentes do Setga, Ana Pérez, xa se encontraba clasificada por ser a número 2 do ránking nacional.

En canto ás pequenas do Club, xa empezan a verse os resultados por parte de Sara Rial, Noelia Santiago e Antía Torres, que na categoría cría feminina quedaron 5ª, 7ª e 10ª respectivamente, vencendo rivais de maior ránking e ofrecendo moi bo nivel de xogo.

Por último, destacar a participación doutros xogadores e xogadoras como Crístofer Santiago, Anxo Rodríguez, Dani Casalderrey, Javier Ramallo, Isa Silva ou Vero Sabarís, que quedou, fóra en oitavos de final con marcadores moi axustados e sempre dando todo na mesa.