Oier Calvillo amplía o seu contrato co Pontevedra unha tempada máis antes de saír cedido ao Calahorra

Pontevedra
04 de febreiro 2023

O adestrador Toni Otero realizou unha valoración positiva do mercado de inverno do Pontevedra e recoñece que o club estuda dúas opcións para cubrir a ficha deixada polo extremo vasco

Partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Mallorca en Pasarón
Partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Mallorca en Pasarón / Mónica Patxot

O adestrador do Pontevedra e un dos responsables da dirección deportiva do club, Toni Otero, aproveitou a rolda de prensa previa ao partido contra o Celta B para realizar unha valoración máis pormenorizada do mercado de inverno no que o conxunto granate incorporou a Derik e Javi Robles e abriu a porta a Mario Ortiz e Oier Calvillo. 

"Quedámonos cunha ficha para poder asinar, veu un xogador que suma máis e apontoamos a defensa con Derik para poder xogar con cinco. É o que estabamos a buscar. Se podemos traer algo máis para arriba será positivo para o equipo", valorou o técnico de forma positiva o peche do período de transferencias. 

Ademais, recoñeceu que considera reforzos para o primeiro equipo aos xogadores con ficha do filial Victor Casais e Valentín Jaichenko, aínda que o extremo xa levaba en dinámica do primeiro equipo toda a tempada, na que xa acumulara minutos con Antonio Fernández como adestrador. 

"Eu creo nos rapaces do futbol base. Victor é extraordinario e Jaichenko paréceme un bo xogador que fixo moitas cousas ben e seguirá crecendo", encomiou Toni Otero.

Máis sorprendente foi a saída de Oier Calvillo, da que falou o que era director deportivo da entidade. "Chámanos un club, comentámosllo a el e tamén se fala comigo. Como Bastos xa estará para a próxima semana e coa subida de Jaichenko e Víctor, era un xogador do que podiamos prescindir", argumenta Toni.

Unha decisión coa que Calvillo tamén estaba de acordo e que serve ao equipo granate para liberar unha ficha sénior, que poderían ocupar nas próximas datas se aparece un xogador interesante. O propio Toni Otero recoñeceu na mesma sala de prensa que hai contactos con dous xogadores que, se algún chega a bo porto, pasará a formar parte do equipo de Pasarón. 

A pesar da súa saída, o extremo navarro seguirá ligado ao Pontevedra unha tempada máis. "Renovou un ano e sae cedido", confesou Otero antes de explicar que se trata dun acordo "bo para nós e bo para el, que é un rapaz excepcional coma se fóra da casa. Agora estará a dúas horas da súa casa, pareceulle moi ben e o ano que vén xa veremos o que pasa", resolveu.