As esperanzas do Peixe Galego de manterse na Liga LEB Ouro apagáronse definitivamente este martes, na reunión da comisión xestora da Federación Española de Baloncesto (FEB).
Este organismo debía validar a documentación presentada polos clubs con equipos en categoría nacional para inscribirse nas ligas, cun prazo que concluíra o pasado venres e ao que o Peixe non chegara a tempo de presentar o aval.
O conxunto marinense solicitou entón unha prórroga, pero a FEB non atendeu a razóns confirmado a súa non inscrición e, por tanto, o seu descenso.
De feito a Federación decidiu non cubrir a praza que deixa vacante o Peixe Galego en LEB Ouro, categoría que pasa a ter 18 equipos a expensas do que pase cos ascensos á Liga ACB.
O peor para os de Marín é que a FEB, ao non renunciar á súa praza en tempo e forma, tampouco lle recoñece dereitos deportivos nas categorías inmediatamente inferiores, LEB Prata e Liga EBA, o que supón que o descenso será en forma de varias categorías.
A caída aos infernos dos da Raña será como mínimo ata a Primeira Nacional, baixo a tutela da Feferación Galega, ou mesmo ata a primeira categoría de nivel autonómico.
Existe aínda unha posibilidade de inscribirse en EBA ao haber catro vacantes, senón a caída aos infernos dos da Raña será ata a primeira categoría de nivel autonómico.
Cabe lembrar que hai uns anos o Peixe Galego xa caeu directamente desde Ouro ata EBA, logrando retornar en só dous anos á segunda categoría do baloncesto nacional cunha impecable traxectoria e conseguindo dous ascensos de maneira consecutiva.