O Pontevedra e o Rayo Cantabria non puideron pasar dun empate sen goles nun partido cheo de ocasións perdidas. Os granates asediaron por completo a portería rival, pero a precipitación e as présas acabaron condenándoos e non lograron concretar, mentres que o filial santanderino tentou facer dano á contra pero topouse cun xigante Edu Sousa que mantivo a portería a cero para salvar un punto que sabe a pouco.
Desde o minuto uno demostrou o Pontevedra que ía ir a por a vitoria asediando de forma continua a área dun Rayo Cantabria que esperaba moi afundido en defensa para evitar sorpresas e buscaba facer dano ao contragolpe.
Con todo, xa no minuto dous avisaron os granates cunha apertura á banda de Dalisson á que Bastos non chegou por moi pouco. Chiqui replicou a xogada e esta vez foi Dali o que disparou fóra, e pouco despois Álex González buscou o gol cun bo chute entre os tres paus que atallou sen problemas Álvaro Jiménez.
O vendaval non cesou e aos 9 minutos chegou a xogada da polémica. Bastos cargouse sobre un defensa, enviou de cabeza a Rufo, que anotou a portería baleira, pero o colexiado anulou o gol por posible fora de xogo do extremo que non semellaba ser.
Descanso en Pasarón!!
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) November 5, 2023
HT' @PontevedraCFSAD 0-0 @realracingclub B
Non houbo goles, pero si un anulado a Rufo por unha posible man aos 10'
Podes ver o partido íntgro no enlace de G24 https://t.co/STr9XnLjrQpic.twitter.com/2R6iAsjIyH
Estaba a ter serios problemas o Rayo Cantabria, pero o Pontevedra, a pesar de chegar con extrema facilidade, faltáballe o último tiro con precisión e era incapaz de aproveitar as ocasións das que dispoñía. De feito Álex volveu probar fortuna, Jiménez despexou e en segunda xogada tentouno Dalisson, pero o balón foi ás nubes.
E tanto perdoaron os granates que estiveron a piques de pagala con tan só dúas aproximacións e as dúas moi claras. A primeira aos 20 minutos tras un erro en pase de Mario, Dani González iniciou unha transición rápida, filtrou a Neco Celorio entre centrais, Edu Sousa desviou o disparo e Jorge Delgado colleu o rexeite que se perdeu polo lateral da portería.
A seguinte clara chegou aos 28 tras unha falta de Álex no costado dereito. Centro ao segundo pau onde apareceu Dani González, este tentou bater o gardameta granate, que realizou unha moi boa estirada para evitar o gol, o balón caeu nos pés de Jorge Delgado, o seu remate deu no pau, e Sousa, moi atento, atallou a tempo.
Pasado ese mal grolo volveron a carburar os xogadores de Yago Iglesias, pero non foi ata os últimos instantes do primeiro tempo cando volveron a atopar a súa opción nunha gran combinación en banda dereita entre Dalisson e Bastos, que controlou, deixou no chan a Marco Carrascal e buscou a escuadra da portería visitante. O balón marchou fóra por moi pouco.
E xa no desconto, Álex González e Chiqui buscaron o gol pero o disparo do primeiro interceptouno o gardameta e o do segundo topouse co lateral da rede.
Despois do paso polos vestiarios o guion pouco cambiou, o Rayo Cantabria saíu decidido a ter máis balón e crear perigo á contra, pero o Pontevedra seguía envorcado por completo en tarefas ofensivas. E estivo moi preto o gol granate no minuto 50. Yelko intercepou un intento de saída rival, apoiouse en Chiqui na esquerda, cedeu a Dalisson, e este desde a media lúa sacou un dereitazo preciso que deu no traveseiro. Iniciou un rápido contragolpe o cadro visitante que pillou os granates nos biosbardos, pero Diego Fuentes non a enganchou ben e Edu atallou sen problemas.
Pasada a hora de xogo modificou o esquema Yago Iglesias. Entrou Jaichenco por Bastos na dereita, Charly por Chiqui, que pasou a xogar en punta con Rufo, e Dalisson moveuse á banda esquerda. Precisamente pouco antes, o 18 granate volveu ser protagonista picando un balón medido ás costas da defensa cara a Yelko, que non chegou por moi pouco. Coa súa entrada no verde, Jaichenco revolucionou o ataque granate, pero a pesar de que aínda quedaban máis de 20 minutos por diante, o Pontevedra precipitábase á hora de buscar portería.
E o que estivo máis preto de gol foi o filial santanderino, que deu entrada a Jeremy e Izan en punta. Tras un córner en contra e con todos os xogadores locais en campo rival, iniciaron unha rápida contra da man de Jeremy, que en velocidade gañou a partida a Churre, plantouse no man a man con Edu Sousa, pero cometeu un erro garrafal e buscou a Izan, que estaba claramente máis adiantado e, por tanto en fóra de xogo. Era a xogada máis clara do encontro.
Chegou a choiva intensa e con ela os minutos de desconto. O Pontevedra seguía perdoando e o empate sen goles seguía reflectido no marcador. Primeiro Charly buscouna e despois Mario Gómez cun disparo afastado que rexeitou nun defensa, o coiro caeu en Rufo, que tiña todo o tempo do mundo para virarse e xutar cómodo, pero precipitouse, rematou de cabeza, e Álvaro Jiménez desviou a córner.
Final do partido en Pasarón
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) November 5, 2023
@PontevedraCFSAD 0-0 @realracingclub B
O Pontevedra non foi quen de marcar malia a ter unha chea de ocasións
Rufo tivo a última no tempo engadido
Podes ver o resumo no enlace de G24 https://t.co/CvPddyd2DFpic.twitter.com/CKmas6YHxb
E a pesar de non baixar os brazos en ningún momento, o equipo adestrado por Yago Iglesias tívose que conformar cun empate sen goles e desaproveita a igualada do Zamora esta xornada para recortar puntos.
PONTEVEDRA CF (0): Edu Sousa, Bastos (Jaichenco, min. 63), Churre, Mario Gómez, Álex González, Rufo, Yelko, Chiqui (Charly, min. 63), Samu Mayo, Dalisson e Garay.
RAYO CANTABRIA (0): Álvaro Jiménez, Mario Jorrin, Marco Carrascal, Diego Campo, Jorge Delgado (Santamaría, min. 60), Dani González, Neco Celorio (Izan, min. 75), Marcos Bustillo, Diego Fuentes (Jeremy, min. 60), Iñigo Gomeza (Samuel Calera, min. 89) e Isaac Obeng (Entrecanales, min. 46).
Árbitro: Guillermo García Presa, auxiliado por Eduardo de Poña Díez e Kevin Nuez. Amoestou a Yelko (24'), Chiqui (32') e Garay (96'), no Pontevedra, e a Marcos Bustillo (39'), Diego Fuentes (59'), Entrecanales (68'), no Rayo Cantabria.
Incidencias: Partido entre Pontevedra CF e Rayo Cantabria correspondente á xornada 1ou de Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 2.217 espectadores. Antes do encontro, en colaboración coa empresa San Marcos, rendeuse homenaxe a todos os falecidos da familia granate. Desde o terreo de xogo a violinista Miriam Buceta Vidal e a pianista Andrea García González interpretaron o himno da entidade.