O XXXIV Maratón San Antón de Cuntis bate records de público e participación

Umia
18 de agosto 2013

A xa tradicional carreira cuntiense foi unha verdadeira festa, con numeroso público seguindo as diferentes probas por idades nas rúas da vila

Tarde do sábado. Cuntis prepárase para vivir unha nova edición do seu xa clásico Maratón popular de San Antón. Cada ano, e van xa 34, máis grande, máis numeroso en canto a participación e seguimento de público.

As beirarrúas da vila termal son un fervedoiro de participantes, seguidores e veciños. Pero o deste ano superou todo o imaxinable.

Dende as 6 da tarde en que comezaron as probas, o percorrido da carreira era un fervedoiro de multitudes, que gozaron ata case as primeiras sombras do atardecer.

Como é habitual, a organización distribuíu os participantes en sete categorías, diferenciadas por idades: Bebés andantes, Cativos benxamins, Alevins infantís, Cadetes xuvenil, Xunior promesas, Sénior pre-veteranos e Veteranos avós.

En total repartíronse máis de 160 tropeos para premiar os gañadores, se ben o mellor premio foi gozar dunha preciosa tarde festiva e deportiva.

Podes consultar aquí as diferentes clasificacións por categorías.