O Waterpolo Pontevedra, primeiro club da cidade en anunciar oficialmente un ERTE

Pontevedra
21 de marzo 2020

O Club Waterpolo Pontevedra, explicou a través dun comunicado a decisión de acollerse ao Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) despois de valorar a situación do estado de alarma polo coronavirus

Equipos absolutos do Waterpolo Pontevedra
Equipos absolutos do Waterpolo Pontevedra / Club Waterpolo Pontevedra

O Club Waterpolo Pontevedra presentou a solicitude para a aplicación dun Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) como consecuencia do parón da actividade polo coronavirus.

O club pontevedrés, explicou a través dun comunicado, a decisión de acollerse ao ERTE despois de valorar a situación do estado de alarma, xa que "existe unha alta probabilidade de que esta situación excepcional se prolongue no tempo máis aló deses 15 días inicialmente previstos", explican.

Por iso, o club manifesta que, por unanimidade da Xunta Directiva as medidas que se tomaron son as seguintes:

En primeiro lugar, suspenderán a cobranza das cotas de actividade aos deportistas do club ata que as condicións sanitarias permitan que se restableza o normal funcionamento das actividades con total seguridade para os deportistas, tendo que pagar a cota mensual de socio de 5 euros. En canto aos socios que realizaron un pago anual polo total da tempada, seralles devolta a parte proporcional correspondente á vez que dure este escenario.

É por iso, que ante a parada da actividade laboral e sen a principal fonte de ingresos do club (as cotas dos socios), decidiron presentar un ERTE e suspender temporalmente os contratos vixentes dos técnicos mentres esta situación continúe "co compromiso de volver contar co noso corpo técnico ao completo".

Por último, e co obxectivo de tentar manter a condición física dos seus deportistas, planificaron unhas sesións de adestramento semanais adaptadas ás distintas categorías do club e así facer máis facil o retorno á actividade normal cando sexa posible.